- Ámbito
- Piñor | Allariz
- Data
En 2025 asistiron ao ciclo 'Aproximación ao dano cerebral adquirido' 232 persoas de 17 concellos nas catro provincias.
Dano Cerebral Galicia, inicia no mes de febreiro, nos concellos de Piñor e Allariz, o ciclo de sesións informativas de 'Aproximación ao dano cerebral adquirido'. Esta charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles na contorna das localidades nas que se imparte.
Trátase dun ciclo de charlas que Dano Cerebral Galicia organiza todos os anos, colaborando con concellos, asociacións e todo tipo de organismos que apoian a nivel local. En 2025 impartíronse 17 sesións noutros tantos concellos. Recibiron información sobre o dano cerebral 323 persoas.
Piñor e Allariz
Estas primeiras sesións informativas do ano están organizadas en colaboración cos concellos de Piñor e Allariz. O martes 3 de febreiro haberá charla no Centro Cultural de Arenteiro, en Piñor. Comeza ás 17:00 e ten unha duración estimada de unha hora e media.
Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse. Este trámite pode realizarse cubrindo este formulario de inscrición ou chamando ao 988 403 217 (Concello de Piñor) ou ao 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia).
A cita de Allariz vai ter lugar o mércores 4 de febreiro ás 12:30 no Salón de Actos do Fogar dos Maiores. Tamén é preciso inscribirse mediante este formulario de inscrición ou chamando ao 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia).
Identificación e prevención do dano cerebral adquirido
O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas...). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus.
Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.
Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles, comezando pola asociación de dano cerebral adquirido máis próxima, DCA Ourense.
Apoio institucional
Ademais do apoio dos concellos, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.