- Ámbito
- Galicia
- Data
O Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral recibiu unha doazón de 15.510 euros para continuar a súa actividade este ano.
Os Céntimos Solidarios recadaron en 2025 en Galicia, Asturias e Castela León un total de 247.048,39 euros cos que van apoiar 12 iniciativas diferentes. A semana pasada o presidente, Luciano Fernández, e a directora de Dano Cerebral Galicia, Leticia Vila, participaron no acto de entrega das doazóns no hipermercado Eroski da Sionlla, en Santiago de Compostela.
Vegalsa-Eroski uniuse aos Céntimos Solidarios do Grupo Eroski en novembro de 2020. Desde hai seis anos, ofrecen de xeito permanente á súa clientela a posibilidade de facer achegas voluntarias e confidenciais de 10 céntimos para compras entre 5 e 30 euros, e de 20 céntimos para as compras de máis desa cantidade. Un xesto sinxelo que, unido ás achegas que se realizan directamente a través de Worldcoo, permite apoiar a ducias de proxectos como o noso.
Un proxecto para o ocio e a autoestima das persoas con dano cerebral
Dano Cerebral Galicia presentou á convocatoria solidaria o proxecto de Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral Adquirido, unha iniciativa que o ano pasado formou en fotografía a 44 persoas das nosas cinco asociacións e que culminou coa mostra Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben. O noso proxecto recibiu unha dotación exacta de 15.510 euros.
O Laboratorio é un proxecto con moito percorrido por diante. Por unha banda, este ano repetirase nas asociacións ofrecendo ás persoas con dano cerebral adquirido a posibilidade de formarse nunha nova disciplina artística. Pola outra, Contemos multitudes vaise poder ver en máis cidades e dará a benvida a un catálogo coa colección completa de fotografías realizadas no marco do proxecto en 2025.
Este proxecto contribúe a diferentes fins rehabilitadores e de inclusión: ofrece a posibilidade de formarse, fomentando o desenvolvemento e crecemento persoal, ao tempo que facilita a expresión desde diferentes linguaxes artísticas. Favorece o goce do lecer con actividades cheas de significado, enriquecedoras, que melloran a autoestima e ton xeral das persoas con dano cerebral, reforzando o obxectivo último do noso labor: a mellora da súa calidade de vida.
Desde a Federación Galega de Dano Cerebral agradecemos a Vegalsa-Eroski e a todas e cada unha das persoas que realizaron as súas pequenas achegas solidarias por esta doazón, que ensancha as posibilidades de organización e goce do Laboratorio Artístico.
Dano Cerebral Galicia e outras 12 iniciativas
No acto de entrega das doazóns tivemos a oportunidade de coñecer máis de preto as demais iniciativas solidarias, promovidas pola Asociación Galega de Lupus (AGAL), Cruz Vermella, Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galicia), Fundación Ayuda en Acción, Asociación Amicos, Fundación Meniños, Fundación Street Child España, Colores de Calcuta, Médicos sen Fronteiras e Fundación Kirira, Federación Alzhéimer Galicia, Federación Española de Familias de Cancro Infantil, Confederación Saúde Mental España, Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) e Fundación Acción Contra el Hambre.
Dano Cerebral Galicia recibiu a recadación recollida no mes de xaneiro de 2026, aínda que formou parte da convocatoria de proxectos solidarios de 2024.