- Ámbito
- Galicia
- Data
Teñen como obxectivo sensibilizar para a prevención dos factores de risco do dano cerebral adquirido entre as persoas maiores de 65 anos.
Tres importantes liñas de traballo converxen no ciclo de charlas que vai ter lugar en outubro nos Espazos +60 de Afundación: o desenvolvemento de accións de prevención do dano cerebral adquirido, o establecemento e consolidación de alianzas como a que temos coa devandita fundación, e o despregamento de accións específicas dirixidas á redución dos factores de risco da nosa discapacidade en persoas maiores.
Así, e pensando especialmente na poboación maior de 65 anos, organizamos, coincidindo co mes do dano cerebral adquirido, un ciclo de charlas de sensibilización e prevención que inclúe as seguintes citas:
- Ferrol (21/10/2025 | 17:00)
- Lugo (22/10/2025 | 17:00)
- Monforte (30/10/2025 | 17:30)
- Santiago (30/10/2025 | 17:30)
- Vigo (03/11/2025 | 17:00)
- Viveiro (19/11/2025 | 17:30)
- Pontedeume (20/11/2025 | 18:00)
- Betanzos (24/11/2025 | 18:00)
- A Coruña (25/11/2025 | 17:30)
- Ourense (26/11/2025 | 17:00)
- Pontevedra (27/11/2025 | 17:00)
Todas elas terán lugar nos Espazos +60 de Afundación, e estarán impartidas polo persoal especializado de Dano Cerebral Galicia. A asistencia é de balde pero cómpre inscribirse contactando con cada un dos Espazos.
Dano Cerebral Galicia iniciou este ano unha liña de traballo dirixida a persoas maiores dentro dos programas financiados pola Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, grazas ás persoas que marcan 'X Solidaria' na súa declaración da renda-.
En concreto, o obxectivo para 2025 é fomentar hábitos de vida saudables que reduzan os factores de risco de dano cerebral entre este segmento da poboación adulta. Está a executarse a través de sesións informativas como as que anunciamos, ou coa edición de materiais informativos como os que se presentarán o Día do Ictus na xornada que organizamos en colaboración coa AGEFEC.