- Ámbito
- Galicia
- Data
Dano Cerebral Galicia formou a 56 persoas do movemento asociativo na preparación segura e apetitosa de alimentos.
Defínese a disfaxia como a "dificultade para tragar alimentos". É unha secuela moi común no dano cerebral adquirido, e pon en risco o benestar da persoa por moitos motivos. Ao dificultar a deglutición, pode comprometer a correcta nutrición e hidratación. Ademais, non poder gozar dos alimentos como antes da chegada do dano cerebral, así como a falta de variedade nas comidas cando se opta polas habituais solucións de triturado, afecta á autoestima e ao ánimo xeral.
Os e as profesionais da logopedia, así como da nutrición e da cociña, traballan no desenvolvemento de solucións creativas que axuden a mellorar o prognóstico e a calidade de vida coas persoas con disfaxia. Nese marco, Dano Cerebral Galicia organizou un ciclo de obradoiros nas súas asociacións nos que se ofreceron alternativas de adaptacións alimentarias variadas, apetitosas, saborosas e saudables dirixidas a persoas con disfaxia.
Impartidos polo cociñeiro e docente gastronómico José Bouso, reuniron a 56 persoas en catro das asociacións de Dano Cerebral Galicia: A Coruña (15/05/2025), Santiago de Compostela (21/05/2025), Ourense (29/05/2025) e Vigo (12/06/2025). Os obradoiros estaban dirixidos a profesionais, persoas con dano cerebral e familiares ou persoas coidadoras, e tiñan un dobre obxectivo: sensibilizar sobre a necesidade de realizar unha axeitada adaptación das texturas coa fin de evitar riscos e mellorar a alimentación, deglutición e nutrición das persoas con disfaxia, e achegar ás persoas interesadas diferentes técnicas e preparacións.
Unha alimentación variada, con preparacións e presentacións diversas e apetitosas, contribúe a mellorar o ton xeral da persoa con dano cerebral adquirido. Fuxir do simple triturado das preparacións tradicionais, con todos os alimentos mesturados, enriquece a dieta e fai das comidas momentos máis interesantes, servindo como un estímulo máis no marco da rehabilitación ou mantemento xeral tralo dano cerebral.
X Solidaria
Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co apoio da Deputación da Coruña, no caso dos obradoiros da Coruña e de Santiago, e da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.