- Ámbito
- Galicia
- Data
A sesión informativa sobre causas, secuelas e recursos de atención estará en Castrelo de Miño, Fisterra, A Guarda, A Bola e Cuntis.
Informar sobre as causas, centrándose nas principais, ictus e traumatismos cranioencefálicos, expoñer a amplitude das secuelas e achegar os recursos de atención dispoñibles en cada área sanitaria é o principal obxectivo da charla 'Aproximación ao dano cerebral adquirido'.
Dano Cerebral Galicia organiza, en colaboración con outros tantos concellos, cinco sesións informativas ao longo do mes de novembro. Profesionais da Federación achegaranse a Castrelo de Miño, Fisterra, A Guarda, A Bola e Cuntis nunha serie de actividades abertas e de balde, das que se achegan máis detalles a seguir:
- Castrelo de Miño | 04/11/2025 | 17:00-18:30 | Aula Multiúsos do Albergue (no Parque Náutico) | Colabora a Escola Galega de Saúde para Cidadáns (EGSC) | Inscrición: 988 493 000 [CANCELADA]
- Fisterra | 06/11/2025 | 16:00-17:30 | Salón de actos da casa do concello de Fisterra (Paseo de Calafigueira, s/n) | Colabora a Escola Galega de Saúde para Cidadáns (EGSC) | Inscrición: 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia) ou neste formulario [CANCELADA]
- A Guarda | 11/11/2025 | 17:30-19:00 | Salón de Plenos da Casa do Concello | Inscrición: 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia) ou neste formulario [CANCELADA]
- A Bola | 18/11/2025 | 17:00-18:30 | Aula CEMIT (Lugar Campo de Veiga) | Colabora a Escola Galega de Saúde para Cidadáns (EGSC) | Inscrición: 604 037 952 (Servizos Sociais A Bola), 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia) ou neste formulario
- Cuntis | 19/11/2025 | 11:30-13:00 | Centro Social Patelas | Non é necesaria inscrición
Identificación e prevención do dano cerebral adquirido
O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas...). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus.
Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.
Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles.
Apoio institucional e solidario
Todas as sesións informativas contan co apoio de cada un dos concellos nos que van ter lugar. Algunhas delas teñen, ademais, respaldo da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, como se indicou en cada caso.
Ademais, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.