- Ámbito
- Melide
- Data
Colaboramos coa Asociación de Mulleres Rurais Alecrín para organizar a actividade formativa o mércores 25 de marzo ás 16:30.
A Asociación de Mulleres Rurais da Comarca de Melide Alecrín é a colaboradora indispensable na organización do Obradoiro de Autocoidados para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido que levaremos o vindeiro mércores, 25 de marzo, a esa localidade.
A sesión formativa ten unha duración estimada de dúas horas e media, de 16:30 a 19:00, é aberto e gratuíto e vai ter lugar no baixo do Telecentro CLUM, en Melide. Para contar cunha previsión de aforo, cómpre inscribirse chamando ao 699 120 465.
As persoas asistentes recibirán un certificado de superación emitido pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns (ACIS - Sergas), que colabora coa organización.
O Obradoiro de Autocoidado conta tamén co apoio da Fundación "la Caixa" e da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.
Coidarse para coidar mellor
Dano Cerebral Galicia pretende con este obradoiro apoiar tanto ás familias e persoas coidadoras como ás persoas con dano cerebral adquirido. Búscase que as coidadoras reflexionen sobre o seu rol e incorporen técnicas que axuden a previr o burn out e que reduzan o impacto de coidar na súa saúde. Coa súa mellora xeral, e o incremento dos seus coñecementos, incrementarase tamén a calidade dos coidados que reciben as persoas con dano cerebral, repercutindo, de novo, na mellora da súa saúde e, polo tanto, na redución da carga de coidado.
Os contidos do Obradoiro comezan coa definición do dano cerebral, cifras, causas e secuelas. A continuación enmárcase teoricamente a dimensión e diferenzas entre discapacidade, dependencia e incapacidade. O groso a formación desenvólvese no tema 'Que é coidar?', onde se fala dos tipos de coidados, da sobrecarga, da corresponsabilidade, e dos dereitos da persoa coidadora. Por último, a formación péchase expoñendo o catálogo de recursos de atención aos que se pode optar.
Caderno de Autocoidado
Dano Cerebral Galicia editou en 2024 un 'Caderno de autocoidado para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido' que presentou publicamente con motivo do Día Mundial do Autocoidado de 2025.
Este documento entrégase nas formacións e é a base dos seus contidos. O ano pasado formáronse 116 persoas nos nosos Obradoiros de Autocoidados.