- Ámbito
- Ferrol
- Data
Na mañá de onte entregáronse en Ferrol os IV Premios de Innovación en Saúde no sistema público de saúde de Galicia que convoca a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) do Sergas.
FEGADACE foi recoñecida como finalista na modalidade de pacientes co proxecto 'Servizos sociosanitarios de proximidade'.
Esta iniciativa, posta en marcha en 2022 no marco do 'Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', ten como obxectivo reducir a ruptura asistencial que se produce na alta hospitalaria e fixar poboación no seu domicilio e na súa zona de residencia habitual, evitando a institucionalización. En concreto, a Federación levou intervencións a nivel de logopedia e de terapia ocupacional aos domicilios de 47 persoas.
O equipo responsable deste proxecto realizou tamén unha ampla distribución de material informativo a través do que se identificaron as persoas usuarias e tamén se derivaron outras a recursos máis axeitados, definíronse as intervencións, procuráronse servizos complementarios e prestouse apoio ás familias nos casos nos que foi preciso.
FEGADACE, premiada en 2023
Esta non foi a primeira ocasión na que FEGADACE se presentou aos galardóns da ACIS. En 2023 resultou ser a entidade premiada co III Premio de Innovación en Saúde co proxecto 'Saúde Oral, Garantía do Benestar das Persoas con Dano Cerebral Adquirido'.
Como resultado da dotación económica obtida, FEGADACE puido organizar a xornada 'A saúde oral, garantía do benestar das persoas con dano cerebral'.