- Ámbito
- Galicia
- Data
A Federación buscará a permanencia das persoas e familias con dano cerebral adquirido en contornas afastadas das áreas urbanas.
O Grupo Tragsa recoñeceu, este mes de xullo, a Dano Cerebral Galicia como unha das entidades beneficiarias da súa convocatoria 'Solidarios Nacionales' de 2024, apoiando o proxecto 'Promoción de coidados e apoios que favorezan a permanencia na contorna rural das persoas e familias con dano cerebral adquirido'.
Esta iniciativa enmárcase na liña de traballo que procura a desinstitucionalización e fixación de poboación no seu domicilio que está a poñer en marcha a Federación, e está xa a executarse con actividades de reforzo dos coidados especializados e de accións de prevención, sensibilización, capacitación e promoción da saúde.
Máis detalladamente, o proxecto para levar coidados e actividades a zonas rurais inclúe a realización de obradoiros para a poboación infantil, actividades de sensibilización dirixidas especialmente a mulleres e persoas con dano cerebral adquirido, e tres liñas formativas complementarias:
- 'Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido': un curso dirixido a profesionais dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) municipais e persoas coidadoras informais.
- 'Alimentación, deglutición e nutrición': actividade formativa dirixida tamén a persoas coidadoras formais (SAF) e informais (familiares e contorna social).
- 'Autocoidado para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido': obradoiro específico para persoas coidadoras que se desenvolve en colaboración con asociacións de mulleres pertencentes a Fademur.
Ata o momento, Dano Cerebral Galicia desenvolveu este proxecto nos concellos de As Neves, Boqueixón, Carballeda de Avia, As Somozas, As Nogais e Taboada, e está previsto estendelo a máis localidades de áreas rurais que non excedan os/as 5.000 habitantes.
Para a realización de todas estas actividades está prevista tamén a reedición de materiais como a banda deseñada sobre o ictus, creada por Miguel Gallardo para Dano Cerebral Galicia, ou o Caderno de autocoidado, elaborado pola Federación en 2023.