- Ámbito
- A Coruña
- Data
A entidade que promove a Fundación Aequitas, na que participa asesor xurídico de Dano Cerebral Galicia, reuniuse o 21 de maio na Coruña.
O asesor xurídico de Dano Cerebral Galicia, Miguel Vieito Villar, asistiu o pasado 21 de maio á segunda reunión do Foro Galicia de Discapacidade. Este punto de encontro, impulsado pola Fundación Aequitas, promove o diálogo entre a Administración -con representación da Valedoría do Pobo, concellos-, o ámbito xurídico -fiscalía, notaría, avogacía, procuradoría...-, a universidade e o tecido asociativo, para buscar solución aos principais problemas que competen ás persoas con discapacidade.
Trala súa primeira reunión de presentación, en febreiro, este mes de maio xuntáronse na Coruña, na sede do Colexio Notarial de Galicia, nunha sesión centrada no estudo da problemática que afrontan as persoas con discapacidade perante a banca. Trala entrada en vigor da Lei 8/2021 modificouse o paradigma da discapacidade, e con el, tamén o xeito de operar coas entidades bancarias do noso colectivo. A Fiscalía Xeral do Estado, o Banco de España e a Asociación Nacional de Banca asinaron o 19 de xullo do 2023 un Protocolo marco para mellorar e reforzar a adaptación da Lei 8/2021 ao día a día.
No Foro de Discapacidade comentouse, por unha banda, o descoñecemento ou escasa implantación do Protocolo, e referiuse que, aínda que funciona en operacións pequenas (p.ex. a xestión de cartos en conta), non abrangue situacións máis complexas (p.ex. a xestión dunha indemnización por accidente). Sinalouse tamén a dificultade de operar coa banca electrónica, o trato desigual en función da entidade bancaria, e problemas na contratación de servizos, entre outros.
Acordouse manter unha xuntanza coas asesorías xurídicas das principais entidades bancarias de Galicia co obxectivo de garantir unha maior difusión do Protocolo de 2023 e de sensibilizar e formar, en xeral, tanto ás institucións como ao persoal bancario, sobre as necesidades do colectivo de persoas con discapacidade.
Ademais, tratáronse outros aspectos como a propia dinámica de funcionamento do Foro, o desenvolvemento e acreditación da figura da garda de feito, e cuestións relacionadas coa procura de melloras en seguridade social e fiscalidade para o colectivo da discapacidade, incluíndo ás propias persoas e tamén ás gardadoras e/ou coidadoras.
- Máis información na web da Fundación Aequitas.