- Ámbito
- Santiago
- Data
Dano Cerebral Galicia reflexiona sobre o percorrido ‘Dende o asistencialismo ao pleno exercicio de dereitos’ ao longo de catro mesas redondas na Xornada sobre o Dano Cerebral.
Un emocionado Francisco Nieto foi o encargado de recoller, en representación do Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo, que dirixe, o 12º Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco. O acto de entrega do galardón tivo lugar no marco da Xornada sobre o Dano Cerebral que Dano Cerebral Galicia está a desenvolver hoxe, ata as 17:15, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
“O labor que estamos a facer é grazas á colaboración de moitos axentes”, polo que Francisco Nieto agradeceu a todo o equipo do CPAP de Bergondo a súa implicación, e tamén ás diferentes administracións coas que se relacionan, incluído o Concello no que se localizan. Expresou a súa gratitude polo galardón de Dano Cerebral Galicia, indicando que “tedes o compromiso de que seguiremos colaborando para continuar mellorando a calidade de vida das persoas con dano cerebral”.
Recolleu o Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco das mans de Valentina Bouzada, responsable de Comunicación do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, que recibiu o 11º Premio FEGADACE – Miguel Blanco), nun acto presentado por Montserrat Terceiro Rey, membro da Rede de Cidadanía Activa de Persoas con Dano Cerebral.
O cambio de denominación da Federación Galega de Dano Cerebral, que este ano comezou a chamarse Dano Cerebral Galicia, propiciou tamén a nova nomenclatura do galardón anual.
Unha xornada para estudar un cambio de paradigma
Un percorrido ‘Dende o asistencialismo ao pleno exercicio de dereitos’, coñecendo con detalle a evolución dos modelos de atención e da abordaxe sociosanitaria do dano cerebral adquirido, é o tema ao que Dano Cerebral Galicia está a dedicar a súa Xornada sobre o Dano Cerebral, que se desenvolve en Santiago de Compostela ata arredor das 17:15.
A Xornada abriuse cunha conferencia da directora do Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral (CEADAC), Inmaculada Gómez Pastor, titulada ‘[Historia(s) do dano cerebral adquirido] Un percorrido desde o asistencialismo a un modelo de dereitos’, na que se remontou ao antigo Exipto para sinalar os principais fitos na atención á saúde do cerebro e á nosa discapacidade, e que finalizou agradecendo ao tecido asociativo o seu cambio de marca, salientando o esforzo por facilitar a accesibilidade cognitiva ao abandonar as siglas pa cambio dun nome que se identifica directamente co dano cerebral adquirido.
Seguiu a conferencia unha mesa que achegou á nosa comunidade ese relato, titulada ‘[Historia(s) do dano cerebral adquirido] Evolución da atención ao dano cerebral adquirido en Galicia’, moderada pola directora de Dano Cerebral Galicia, Leticia Vila Posada, conta coa directora de Dano Cerebral Santiago de Compostela -ata agora Sarela-, Rocío García Calvo; co director da Asociación de Dano Cerebral de Vigo, Alento, Gonzalo Mira; co director do Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo, Francisco Nieto Pol; coa traballadora social, xa xubilada, pero que exerceu coordinadora da Unidade de Coordinación de Dependencia da Consellería de Política Social, ademais de participar na elaboración do Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral Adquirido, Carmen de la Sierra Vázquez; e con Lourdes Bermello López, enfermeira no servizo de Neuroloxía do HULA e ex presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo.
Cada unha das persoas que participaron abordou o tema en base ao seu campo de traballo, relatou a evolución da atención desde a súa perspectiva, e xuntas constataron tanto os progresos como as enormes carencias que aínda afectan ás persoas con dano cerebral. Como principal reto, sinalaron o desenvolvemento do Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral Adquirido, do Sergas, e a continuidade asistencial, garantindo a dispoñibilidade de recursos de atención, especialmente no ámbito da rehabilitación.
Iniciativas cun enfoque de dereitos
O programa continúa ao longo de tres mesas nas que se van observar diferentes iniciativas de atención á discapacidade cun enfoque de dereitos. O obxectivo é intercambiar coñecemento para a análise destas experiencias, abrindo a posibilidade de implantación, coas adaptacións necesarias, nas diferentes entidades e colectivos.
Ás 12:30 arrincou a mesa ‘[Ideas] Iniciativas actuais na atención ao dano cerebral cun enfoque de dereitos en Galicia’. Nela, a Federación e as súas cinco asociacións van expor os contidos de seis iniciativas de relevancia. Trátase das seguintes:
- Modelos de vida independente para o dano cerebral adquirido. Noelia Rivadas López, logopeda e responsable de Formación de Dano Cerebral Galicia, quen tamén vai presentar e moderar a mesa.
- Espazos personalizados de realidade virtual para a neurorrehabilitación. A visión de Dano Cerebral A Coruña ADACECO. Inés Cortés Cabeza, terapeuta ocupacional da asociación, e Enrique Gándara Bermúdez, usuario da entidade e membro da Rede de Cidadanía Activa.
- A participación social como parte imprescindible da atención ao dano cerebral. Laura Rodríguez González, educadora social de Dano Cerebral Lugo.
- Eu decido, Dano Cerebral Santiago de Compostela actúa. Mónica Serrano Soto, traballadora social, responsable de Calidade e coordinadora do Servizo de Atencion Diúrna Terapéutica de Dano Cerebral Santiago de Compostela.
- Atención residencial no dano cerebral adquirido. Sabina Gómez, educadora Social e directora do centro residencial de Alento.
- Creación e posta en marcha dun centro social en DCA Ourense. Cristina Álvarez Romero, neuropsicóloga de DCA Ourense.
Ao rematar servirase un xantar tipo cóctel para favorecer a presenza do público e minimizar o tempo de pausa, e retomar a Xornada ás 15:00 coa seguinte mesa de experiencias, titulada ‘[Ideas] Iniciativas actuais na atención ao dano cerebral cun enfoque de dereitos noutros territorios’. Moderada pola directora técnica de Alento, Laura Ramírez Ramos, traerá a Galicia tres experiencias de interese que se están a desenvolver por parte de entidades membro de Daño Cerebral Estatal: Novos modelos de atención a persoas con DCA e Asistencia Persoal, por Rocío de la Rosa Díez (directora de Daño Cerebral Andalucía); Relevancia dos programas de emprego para persoas con DCA: un camiño cara a autonomía e a inclusión social, por Itziar Sanz (responsable de Proxectos de Daño Cerebral ADACE CLM); e Reconstruírse, por parte de Aurora Lassaletta, presidenta de Daño Cerebral Invisible, unha entidade formada por persoas con dano cerebral adquirido.
A seguinte, e última mesa (ás 16:00), atenderá a iniciativas cun enfoque de dereitos que se están a probar noutras discapacidades e contornas asociativas: ‘[Ideas] Iniciativas actuais na atención a outras discapacidades cun enfoque de dereitos’. Dano Cerebral Galicia escolleu tres proxectos que están a desenvolver ASPACE Galicia (Iniciativas de apoio ao exercicio de dereitos, presentado por Lola Santana Camiña, avogada da Federación de Parálise Cerebral); Cogami (Proxecto ‘vivendas de transición á vida independente’, con Lucía Almuíña Casas, técnica do Proxecto Rumbo nesa entidade); e FADEMGA Plena inclusión Galicia (A accesibilidade cognitiva: un dereito e unha ferramenta para a autonomía persoal, por Loli Portela León, que se encarga na súa Federación da área de Cidadanía Activa, Accesibilidade Cognitiva e Empoderamento). Modera e acompaña na mesa a directora de Dano Cerebral A Coruña ADACECO, Natalia de Llano García.
Apoio institucional
Dano Cerebral Galicia conta para a organización desta Xornada co apoio e financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda. A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acompañará á vicepresidenta de Dano Cerebral Galicia, Laura Abeledo Lameiro, no acto de peche da Xornada.
A colaboración coa Consellería de Sanidade coa Federación, e o seu vínculo cos contidos a desenvolver na primeira parte do encontro, levaron a que esa área da Xunta de Galicia estivera representada no acto de apertura institucional, xunto co presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández Pintor, por Alicia Piñeiro Redondo, subdirectora xeral de Integración Asistencial e Innovación da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade.