- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
O director do Centro de Promoción da Autonomía Persoal, Francisco Nieto, recolle o galardón na Xornada sobre o Dano Cerebral.
"A atención especializada, interdisciplinar, individualizada, secuencial, holística e transversal ofrecida a persoas con dano cerebral adquirido en fase subaguda ou crónica, tanto no relativo ao tratamento rehabilitador como na capacitación profesional e a reinserción sociolaboral, supoñen un exemplo inspirador para que todas as administracións e poderes públicos, así como axentes privados implicados, avancen na materialización do enfoque de dereitos na resposta ás necesidades e demandas das persoas con discapacidade". Este é o principal motivo e tamén o resumo dos argumentos que tivo en conta a Xunta Directiva para conceder o 12º Premio Dano Cerebral Galicia - Miguel Blanco ao Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo.
Dano Cerebral Galicia recoñece tamén o compromiso do CPAP "coa defensa e garantía dos dereitos á inclusión social e ao exercicio dunha vida plena e autónoma" das persoas con dano cerebral adquirido, e agradecer o "apoio prestado ao movemento asociativo mediante asesorías técnicas, préstamos de produtos de apoio e transferencia de información". A Xunta Directiva tamén considera "destacable o labor divulgativo realizado polo CPAP a través da elaboración de materiais e a difusión de coñecemento sobre o dano cerebral adquirido".
Durante os seus case 20 anos de traxectoria, o modelo de apoio e atención centrado na persoa e na promoción da autonomía desenvolvido na institución converteuno nun referente, tanto a nivel galego como estatal, no camiño cara á redución e prevención da dependencia e a desinstitucionalización.
O CPAP de Bergondo é un centro especializado en formación, capacitación profesional e rehabilitación funcional de persoas con discapacidade física, sensorial e daño cerebral adquirido, e depende do Imserso, é dicir, do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.
Novo nome, mesmo galardón
Acadada a 12ª entrega, Dano Cerebral Galicia aproveita para modificar o nome do galardón anual incorporando tamén na súa denominación a nova marca; así, este será o 12º Premio Dano Cerebral Galicia - Miguel Blanco. Mantense, iso si, a homenaxe ao desaparecido neurólogo, estreito colaborador do movemento asociativo que foi coordinador da Unidade de Ictus de Santiago de Compostela.
O acto de entrega vai ter lugar no marco da Xornada sobre o Dano Cerebral, que se vai desenvolver na Cidade da Cultura, en Santiago, o sábado 9 de novembro. En concreto será trala pausa para o café, ás 11:40 hh.
Esta pequena cerimonia vai estar conducida por Montserrat Terceiro Rey, membro da Rede de Cidadanía Activa de Persoas con Dano Cerebral. Como cada ano, vai estar entregado pola entidade ou persoa galardoada con anterioridade; neste caso será o CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións), 11º Premio FEGADACE – Miguel Blanco.
Recollerá o galardón Francisco Nieto Pol, director do CPAP, trala súa participación na mesa sobre a historia da atención ao dano cerebral adquirido en Galicia.