- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
As accións desenvoltas xeraron información inexistente até agora e formaron a 79 profesionais de centros non específicos da nosa discapacidade.
A necesidade de dispoñer de información que permita resolver a insuficiencia de solucións habitacionais específicas para persoas con dano cerebral adquirido levou a Dano Cerebral Galicia a situar os centros residenciais como unha das áreas de actuación prioritarias do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva'.
Entre 2022 e 2024, no marco dos servizos sociosanitarios de proximidade, unha das tres liñas de acción desenvoltas xunto cos servizos de apoio comunitario e a asistencia persoal foron os entornos residenciais sen especialización en dano cerebral nos que viven persoas con esta discapacidade.
Ante a inexistencia de datos obxectivos da prevalencia real de dano cerebral nas residencias do noso país, e dada a imposibilidade de intervir directamente nelas desde un punto de vista terapéutico, tras realizar unha exhaustiva análise e diagnóstico de necesidades existentes, desde Dano Cerebral Galicia deseñamos e executamos actuacións cun dobre obxectivo.
Por un lado, procuramos diagnosticar cualitativa e cuantitativamente, a atención prestada ás persoas con dano cerebral adquirido que viven en residencias non específicas desta discapacidade. Por outro lado, tentamos dotar aos cadros de persoal destes centros de coñecemento especializado en atención ao dano cerebral, desde un enfoque de autodeterminación e vida independente.
A continuación detallamos os principais frutos do traballo desenvolto, aos que tamén aludimos no seguinte resumo audiovisual.
Estudo pioneiro en Galicia
A primeira fase das actuacións consistiu na realización dunha investigación baseada na hipótese de que as persoas con dano cerebral son derivadas e institucionalizadas en residencias que non contan cos servizos nin prestacións adecuadas ás súas necesidades de atención, acompañamento e rehabilitación.
Con este fin, entre outubro de 2022, cando se iniciou a fase de planificación e o traballo de campo, e setembro de 2023, cando se realizou a análise e interpretación de resultados, recompilouse a información do que se converteu na primeira publicación existente en Galicia sobre esta realidade: o 'Estudio sobre la atención al daño cerebral en recursos residenciales no específicos gallegos'.
Malia o pequeno tamaño da mostra, conformada polos 44 dos 313 centros residenciais existentes en Galicia que responderon a unha enquisa, o estudo ofrece datos relevantes para trazar unha aproximación exploratoria das características, distribución e recursos de apoio e atención dispoñibles para o dano cerebral adquirido nestes espazos.
Así, constátase que o 63,6% dos centros que responderon a enquisa teñen residentes con dano cerebral, malia que o 89% destes centros están especializadas en persoas maiores e, por tanto, non contan nin cos servizos nin coas prestacións adecuadas ás necesidades de apoio e acompañamento de quen tivo unha lesión cerebral.
Nese senso, é destacable que, malia que o 75% dos centros con residentes con dano cerebral contan con servizos de rehabilitación, o perfil profesional máis habitual é o da fisioterapia, o que reflicte a sobredimensión da envergadura das secuelas físicas e motoras sobre o resto de tipoloxías, invisibilizadas e desantendida. Ademais, o dominio da enfermaría como o perfil máis habitual no cadro de persoal das residencias apunta a existencia do modelo asistencialista.
'Guía de Actuación', boas prácticas e enfoque de dereitos
As conclusións do estudo, que se ampliará en 2025 e que recentemente foi distinguido co Premio VITALIA-SENDA de Investigación e Innovación, apuntaron á necesidade de articular e dotar dunha maior especialización aos recursos existentes. Nese camiño, a capacitación das e dos profesionais que forman parte dos centros erixiuse nunha condición imprescindible.
Para dar resposta a esta necesidade, Dano Cerebral Galicia elaborou unha publicación con pautas de actuación no apoio a persoas con dano cerebral neste tipo de centros, a partir do traballo dun equipo multidisciplinar, especializado e cunha ampla experiencia na nosa discapacidade, e coa colaboración de profesionais da asociacións federadas.
O documento, titulado Apoyo a personas con daño cerebral adquirido en entornos residenciales no especializados para la promoción de su autonomía y vida independiente. Guía de actuación', ofrece directrices e recomendacións de boas prácticas, sustentadas nun enfoque de dereitos, que pretenden fomentar a autonomía das persoas con dano cerebral adquirido que residen nestes centros co fin último de, mellorar o seu benestar e a súa calidade de vida.
Formación para unha atención de maior calidade
Finalmente, puxemos en marcha un ciclo formativo destinado a ofrecer apoio técnico aos centros residenciais co fin de converter a 'Guía de Actuación' nunha ferramenta útil na súa práctica profesional cotiá.
Tras enviar a proposta aos 35 centros que inicialmente amosaran interese, entre marzo e maio de 2024, a logopeda e a terapeuta ocupacional de Dano Cerebral Galicia, coa colaboración de profesionais de asociacións federadas, impartiron a formación, de balde, en cinco residencias: o Centro Residencial Tercera Edad de Esgos, o centro Serge A Veiga (Láncara), Doralresidencias (Mos), Volta do Castro (Santiago) e Ballesol (Vigo).
O alto grao de satisfacción, expresado polo 90% das 79 profesionais participantes, evidencia a boa acollida da acción, que continuará desenvolvéndose ao longo de 2025.