- Ámbito
- Galicia
- Data
Acto institucional en Santiago e convocatorias Baixo o mesmo paraugas por toda Galicia para conmemorar este 3 de decembro.
O CERMI Galicia programou para este mércores, 3 de decembro, ás 12:00, no Edificio CINC da Cidade da Cultura, o seu Acto institucional polo Día das Persoas con Discapacidade, co título 'A familia, onde empeza a forza'. O organismo representativo da discapacidade convoca este acto xunto coa Consellería de Política Social e Igualdade.
Precisamente a conselleira, Fabiola García, será unha das persoas que interveñan nesta conmemoración xunto co presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo. Ademais, haberá tres pequenas actuacións musicais, e vaise estrear o vídeo elaborado este ano para o Día da Discapacidade, que coincide en título co acto.
A estrea do vídeo compleméntase cun coloquio sobre 'As familias: impulso da autonomía e piar dos coidados', onde interveñen varias persoas con e sen discapacidade para falar da crianza e da maternidade con e sen discapacidade.
Manifesto
O manifesto do 3 de decembro, feito xa público polo CERMI Estatal, chama a reforzar o piar social da Unión Europea no 40 aniversario da adhesión de España ao club, afirmando que "sen unha dimensión social forte non hai Europa posible" e reafirmando que "a Europa inclusiva non é só unha aspiración, senón unha obriga política e moral inaprazable".
Precisamente, manifesto leva por título "40 años de España en la Unión Europea: sin dimensión social no hay Europa", e artella as demandas da discapacidade arredor de 12 puntos, que se poden ver a seguir:

Descarga aquí o manifesto en diferentes versións accesibles.
Baixo o mesmo paraugas
De xeito complementario, as entidades de discapacidade de base a nivel local lanzaron ducias de convocatorias co selo Baixo o mesmo paraugas.
Chaman a toda a cidadanía a apoiar, cos seus paraugas de cores, as convocatorias que se detallan a continuación. Dano Cerebral Galicia forma parte do núcleo local de Santiago e participará na concentración da Praza do Obradoiro.
- A Coruña ás 11:30 no Parrote (inclúe marcha)
- Lugo ás 12:00 na Praza Maior (inclúe marcha)
- Ourense ás 11:30 no Parque de San Lázaro (inclúe marcha)
- Pontevedra ás 12:00 na Praza da Peregrina
- Santiago de Compostela ás 12:00 na Praza do Obradoiro
- Vigo ás 11:00 xunto ao Edificio da Xunta de Galicia (inclúe marcha)
- Cee ás 12:00 na Praza 8 de Marzo
- Ribeira ás 10:30 na Praza de España (inclúe marcha)
- Porto do Son ás 10:30 no Porto (inclúe marcha)
- A Pobra do Caramiñal ás 10:30 na Praza do Museo de Valle Inclán (inclúe marcha)