- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Dedicado a 'Innovación e investigación no dano cerebral adquirido', revisou avances científicos na atención a esta discapacidade.
O 8º Encontro Formativo de Profesionais das asociacións de Dano Cerebral Galicia tivo lugar o pasado sábado, 10 de maio, en Santiago de Compostela. Na convocatoria déronse cita ata 107 traballadores e traballadoras das nosas asociacións, no que constituíu o Encontro con maior asistencia ata hoxe.
Co obxectivo de promover a investigación científica arredor da nosa discapacidade, así como de sensibilizar sobre a incorporación de novos avances ao día a día do traballo e metodoloxías das diferentes disciplinas que interveñen nas nosas asociacións, non só no ámbito da rehabilitación e da atención directa, senón máis alá, o Encontro levou por título 'Innovación e investigación no dano cerebral adquirido'. Tivo lugar no Gran Hotel Los Abetos, en horario de mañá.
Un programa dinámico para a divulgación
A dinámica do encontro é divulgativa. Abriuse cunha conferencia titulada 'Divulgación científica sobre a investigación do cerebro', impartida por Verónica Robles García, investigadora do Grupo de investigación en Neurociencia e Control Motor (NEUROcom) da Universidade da Coruña. Este relatorio serviu como introdución ao método científico, así como de explicación sobre como aplicar esta metodoloxía ás propostas que poidan xurdir desde as asociacións, animando aos equipos profesionais a colaborar na xeración de coñecemento. Tamén amosou material sobre investigacións que se están a levar a cabo no presente e que teñen que ver co dano cerebral adquirido.
A continuación, tras unha pausa para o café, o plenario dividiuse en tres grupos dalgo máis de 30 persoas cada un, que puideron gozar de xeito máis directo de tres exposicións, que se desenvolveron simultaneamente, de maneira que todas e todos os profesionais asistentes puideron asistir á totalidade de propostas do Encontro.
Estas tres exposicións dedicáronse a disciplinas tan diversas como a logopedia, a rehabilitación integral e a xestión económica, con profesionais especialistas internos/as e externos ao movemento asociativo.
Manuel Lagos Rodríguez, investigador do Grupo Tecnoloxía Aplicada á Investigación en Ocupación, Igualdade e Saúde (Talionis) do CITIC -11º Premio Dano Cerebral Galicia - Miguel Blanco-, dependente da Universidade da Coruña, foi o encargado de presentar os avances na aplicación da realidade virtual á rehabilitación. O docente amosou os lentes de realidade virtual cos que traballan, dando a oportunidade ás asistentes de testalas xunto cun simulador que reproduce a actividade de facer a compra, experimentando e adestrando diferentes áreas que poden estar afectadas no dano cerebral adquirido (desde o propio movemento polo supermercado ata a atención á lista da compra ou o cálculo económico do orzamento e prezos).
O responsable de xestión económica de Dano Cerebral Galicia, Adolfo M. González Rodríguez, presentou como se executa a contabilidade social na Federación, dando a coñecer a metodoloxía de Monetización do Valor Social. Esta intervención tiña como obxectivo que os equipos profesionais coñeceran máis a fondo os sistemas de captación e xestión dos fondos que financian as entidades, amosando ademais a repercusión real, efectiva, cuantificada en euros, do labor que todos o todas contribúen a desenvolver.
A terceira das propostas foi presentada pola técnica de Formación e logopeda de Dano Cerebral Galicia, Noelia Rivadas López, xunto coa responsable de Nutrición de Campofrío Health Care, Marta León León, e versou sobre Adaptación dietética no dano cerebral adquirido. Centradas nas dificultades que presenta a disfaxia, unha secuela moi común no dano cerebral, Rivadas presentou a metodoloxía e escalas a aplicar, mentres León amosou os produtos especificamente adaptados en forma de purés, xelificados e outros (os únicos que hai no mercado). As persoas asistentes puideron experimentar e probalos.
Concurso para rematar
Asistir ao Encontro tivo premio, e é que ao finalizar as exposicións as persoas asistentes participaron no concurso 'Saber e gañar'. Respondendo a tres cuestións sobre os contidos do Encontro, entraron nun concurso no que se entregaron tres premios a escoller polas afortunadas (as propostas foron un obradoiro de cerámica, un brunch ou un circuíto balnear).
Apoio da Fundación ONCE
Dano Cerebral Galicia estreou nesta actividade o apoio da Fundación ONCE, grazas á súa convocatoria extraordinaria para as entidades socias de Daño Cerebral Estatal. O obxectivo desta liña de financiamento, por parte da Fundación ONCE, foi abrir unha liña de promoción da mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias, iniciativa que vehicularon a través dunha convocatoria aberta ao tecido asociativo.
O proxecto presentado por Dano Cerebral Galicia titulouse 'Fortalecemento e cohesión do movemento asociativo do dano cerebral adquirido galego' e inclúe accións de formación, encontro e intercambio. O Encontro de Profesionais, destinado a afondar no coñecemento mutuo e a compartir e nivelar os coñecementos dos equipos profesionais das nosas cinco asociacións, é a súa primeira etapa.