- Ámbito
- Galicia
- Data
No almorzo informativo que organizamos co Colexio de Xornalistas presentamos unhas recomendacións para empregar unha linguaxe inclusiva.
O 22 de xullo, Día do Cerebro, organizamos un almorzo informativo co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia no que, ademais de presentar as diferenzas entre o dano cerebral e outras discapacidades, achegamos aos e ás profesionais da comunicación unhas pautas para enfocar e nomear con precisión e garantindo a inclusión do colectivo.
Comezamos centrando as diferenzas entre as causas -doenzas ou traumatismos- e a consecuencia: a discapacidade, o dano cerebral adquirido. O obxectivo é desmedicalizar a información que se transmite sobre o dano cerebral adquirido nos medios, amosando a discapacidade como unha circunstancia social, seguindo o modelo de dereitos que atravesa a Convención de Discapacidade da ONU.
Ademais, axudamos a identificar as causas da nosa discapacidade recompilando toda a terminoloxía que se pode atopar para nomear o ictus: derrame cerebral, accidente cerebrovascular, apoplexía, ACV, infarto cerebral... De xeito que os e as xornalistas saiban que, a pesar dos sinónimos, refírense sempre á mesma causa.
Código de conduta e enfoque inclusivo
No almorzo informativo aproveitamos para lembrar o Código de conduta e boas prácticas na comunicación da Pobreza e a exclusión social da EAPN Galicia, subscrito tamén por Dano Cerebral Galicia, e desenvolver recomendacións específicas ao respecto da nosa discapacidade.
Estas recomendacións céntranse sobre todo na reflexión sobre a carga negativa e estigmatizante da linguaxe (sexa escrita ou audiovisual), sobre a infantilización, a compaixón, a reprodución de estereotipos... Proponse tratar de escoitar ás persoas con dano cerebral adquirido, situándose ao mesmo nivel e facilitando coas adaptacións necesarias a súa intervención.
A principal conclusión é que se debe situar ás persoas en todo o seu contexto humano, onde a discapacidade é unha circunstancia máis, que non implica necesariamente dependencia.
Por último, coa indicación de non empregar termos obsoletos ou ofensivos, achégase un apéndice con palabras concretas, indicadas ou non. Consúltaas a seguir:

