- Ámbito
- Ourense | Vigo
- Data
DCA Ourense gaña o premio de Innovación en Saúde da ACIS na categoría de iniciativas de asociacións de pacientes.
O dano cerebral adquirido volve ter un oco nos Premios da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) do Sergas. DCA Ourense recolleu este martes das mans do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o Premio ACIS na modalidade de pacientes.
O proxecto merecedor do galardón está deseñado para mellorar o acompañamento e facilitar a transición do hospital ata o recurso especializado de atención e rehabilitación.
DCA Ourense concibiu unha idea baseada en dúas accións concretas. Por unha banda, levar as sesións informativas directamente á planta de Neuroloxía do CHUO, o hospital ourensán. Por outra banda, ofrecer valoracións antes da alta hospitalaria mediante un protocolo estruturado, coordinado e subordinado ao persoal médico, complementándoo.
A principal preocupación da entidade foi buscar un recurso máis para paliar a ruptura da continuidade asistencial. Agardan, co galardón, continuar gañando presenza e recoñecemento dentro do CHUO, de maneira que cada vez máis persoas dadas de alta por causas de dano cerebral adquirido coñezan e poidan acceder aos servizos de atención e rehabilitación da asociación.
O vídeo de candidatura, no que o persoal de DCA Ourense describe o proxecto, pode verse a partir do minuto 03:51:28, na gravación do acto de entrega:
Premio ACIS á Federación
O dano cerebral adquirido leva tres anos seguidos no palmarés dos galardóns da ACIS. O ano pasado a iniciativa 'Servizos sociosanitarios de proximidade' foi finalista, e hai dous Dano Cerebral Galicia venceuno co proxecto 'Saúde Oral: Garantía do Benestar das Persoas con DCA.