- Ámbito
- Galicia
- Data
Este recurso é gratuíto, o catálogo pódese consultar online, e o pedido tramítase cos/as terapeutas ocupacionais das asociacións.
Dano Cerebral Galicia vén de lanzar un Servizo de asesoramento e préstamo de produtos de apoio dirixido a persoas socias de Alento, Dano Cerebral A Coruña ADACECO, Dano Cerebral Lugo, Dano Cerebral Santiago de Compostela e DCA Ourense. Esta iniciativa está deseñada para fomentar a autonomía persoal do noso colectivo, facilitando o acceso aos produtos de apoio, así como á formación sobre o emprego dos mesmos.
O servizo é gratuíto e conta cunha dinámica de funcionamento moi sinxela. A persoa realiza a solicitude desde a súa asociación, contactando co seu ou súa terapeuta ocupacional. Tamén se poden facer propostas de adquisición de produtos de apoio para agrandar o catálogo, ou porque se precisa un dispositivo en concreto.
A continuación Dano Cerebral Galicia envía o produto á asociación, que o entrega á persoa solicitante, achegándolle formación sobre o seu uso e adestramento. O préstamo dura tres meses prorrogables, ou 15 días cando se trata dunha cesión para actividades excepcionais.
Amplo abano de recursos
O Servizo de asesoramento e préstamo de produtos de apoio baséase nun Catálogo que os clasifica dedicados a mobilidade funcional, alimentación e cociña, vestido, ducha, hixiene persoal, xestión da comunicación, ocio e órtese. Pode descargarse aquí. Tamén contamos cun folleto informativo que resume as principais normas de funcionamento.
Ademais, o servizo está aberto a doazóns. Se tes algún produto de apoio que xa non empregas, podes darlle unha segunda vida doándoo ao Servizo de Dano Cerebral Galicia. Para iso tamén é necesario contactar co/a profesional da Terapia ocupacional.
Diversidade de fontes de financiamento
Este servizo é unha iniciativa complexa, que implica un importante investimento para a dotación e almacenamento dos produtos en préstamo. Conta co apoio e o financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda-.
Ademais, está financiado tamén co apoio de dúas fundacións privadas. En primeiro lugar, da Fundación "la Caixa", no marco da súa convocatoria de axudas a proxectos sociais a nivel Galicia; e da Fundación Barrié, dentro da convocatoria Más Social.