- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Dano Cerebral Galicia abre unha nova liña formativa presencial coa súa oficina como sede, ideada para complementar os coñecementos de coidadoras formais e informais.

Aumentar o coñecemento sobre os produtos de apoio nas actividades básicas e instrumentais da vida diaria é o principal obxectivo da nova liña formativa aberta por Dano Cerebral Galicia. E, para desenvolvela, organizamos un 'Obradoiro de produtos de apoio no dano cerebral adquirido' que vai ter lugar na nosa sede (Rúa Galeras, 17, 2º, oficina 5), en Santiago de Compostela, na tarde do luns 28 de abril.
O obradoiro ten dúas horas e media de duración (de 16:00 a 18:30) e ofrece dez prazas. A inscrición é de balde e pode tramitarse cubrindo este formulario.
As persoas asistentes recibirán un certificado emitido por Dano Cerebral Galicia e tamén un exemplar da Guía de produtos de apoio para persoas con dano cerebral adquirido que editamos o ano pasado no marco do Proxecto Rumbo.
Produtos para a autonomía persoal
Esta actividade está pensada para que as persoas coidadoras formais e informais, así como as mesmas persoas con dano cerebral, incrementen o seu coñecemento sobre os produtos de apoio dispoñibles, así como sobre o seu uso e aplicación.
A formación comeza cunha introdución sobre o dano cerebral adquirido, lembrando as secuelas e caracterización básica da nosa poboación. Continúa cun tema sobre prescrición, asesoramento e recursos de préstamo deste tipo de produtos. Por último, o temario desenvolve e amosa os tipos de produtos de apoio, clasificados polos que serven para axudar na alimentación, ducha, hixiene no inodoro, comunicación, hixiene persoal, cociña e tarefas de limpeza.
A implantación deste tipo de dispositivos serve para potenciar as capacidades da persoa con dano cerebral, promovendo a súa autonomía. Á súa vez, a capacidade de realizar tarefas de xeito independente reforza o ánimo e a autoestima, redundando positivamente no ton xeral da persoa.
X Solidaria
Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.