- Ámbito
- Galicia
- Data
A formación, de 18 horas de duración, é aberta e gratuíta e vaise desenvolver do 3 ao 28 de marzo.

Dano Cerebral Galicia abre o prazo de inscrición nunha nova edición do curso 'Apoio no fogar a persoas con dano cerebral adquirido'. Esta formación está especialmente dirixida a coidadores e coidadoras, formais ou informais, de persoas con dano cerebral adquirido (familiares, conviventes, persoal de Servizos de Axuda no Fogar, auxiliares, estudantes da área sociosanitaria...), pero tamén a calquera outra persoa interesada.
A actividade formativa vaise desenvolver na modalidade de teleformación, a través da Escola Dano Cerebral Galicia, entre o 3 e o 28 de marzo. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o día 2 do mesmo mes ás 23:59; aceptarase ás persoas interesadas en rigorosa orde de solicitude. Hai 30 prazas dispoñibles. A inscrición pode formalizarse nesta ligazón.
Aínda que a formación é de balde, Dano Cerebral Galicia ofrece ás persoas interesadas a posibilidade de emisión e envío dun Certificado de superación, así como do manual de contidos do curso en papel, por un importe de 20 euros. Para solicitalo só hai que indicalo no formulario de inscrición.
Obxectivos e contidos
O obxectivo desta formación, que Dano Cerebral Galicia tamén organiza presencialmente, é dobre. Por unha banda, preténdese mellorar a calidade dos coidados que reciben as persoas con dano cerebral adquirido capacitando ás súas coidadoras e coidadores. Pola outra, ten a intención de reducir a carga física e mental que implica desenvolver o labor de coidados a través da aprendizaxe de técnicas que facilitan a prestación dos mesmos.
A duración do curso é de 18 horas, que cada persoa pode distribuír como mellor lle conveña, a través das que se atende aos seguintes aspectos:
- TEMA 1. DETECCIÓN DO DANO CEREBRAL.
- TEMA 2. PAUTAS PARA AVALIAR A EVOLUCIÓN DA PERSOA CON DANO CEREBRAL.
- TEMA 3. COMUNICACIÓN COA PERSOA CON DANO CEREBRAL E HABILIDADES COMUNICATIVAS.
- TEMA 4. ALTERACIÓNS COGNITIVAS E CONDUTUAIS.
- TEMA 5. TRANSFERENCIAS E CAMBIOS POSTURAIS.
- TEMA 6. ALIMENTACIÓN, DEGLUTICIÓN E MEDICACIÓN.
- TEMA 7. TRATAMENTO DA INTIMIDADE E DA PRIVACIDADE.
- TEMA 8. HIXIENE, CURAS E PREVENCIÓN DE ÚLCERAS.
- TEMA 9. ACOMPAÑAMENTO NO TEMPO LIBRE E ACTIVIDADES DE LECER.
A organización desta actividade conta co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF (é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda).