- Ámbito
- Bergondo
- Data
Divídese en tres sesións presenciais que terán lugar o 22, 23 e 24 de setembro e está dirixido a persoas coidadoras formais e informais.
Dano Cerebral Galicia abriu o prazo de inscrición nunha nova edición, en Bergondo, do curso 'Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido', dirixido principalmente a persoas coidadoras, sexan formais ou informais ou familiares, así como ás propias persoas con esta discapacidade, profesionais en formación ou poboación xeral interesada.
A actividade formativa é presencial e gratuíta. Ten unha duración de dez horas que se van repartir en tres sesións: 22 de setembro (10:00 a 13:00), 23 de setembro (10:00 a 13:00) e 24 de setembro (10:00 a 14:00). O lugar é o Edificio Sociocultural da Senra (Cruz de Sar, s/n), na localidade coruñesa. Dano Cerebral Galicia conta coa colaboración na organización do curso da Asociación Elas e do Concello de Bergondo.
A inscrición pode realizarse a través deste formulario online. Se xorde algunha dúbida, pódese chamar ao 689 083 144.
As persoas que completen o curso recibirán un certificado emitido pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), do Sergas. A Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente da devandita Axencia, participa na organización da actividade formativa.
Dano Cerebral Galicia conta tamén co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, grazas ás persoas que marcan 'X Solidaria' na súa declaración da renda-.
Un temario destinado a coñecer a especificidade do dano cerebral adquirido
O obxectivo da formación, que imparten profesionais de Dano Cerebral Galicia, é mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido través da capacitación de quen que se fai cargo do seu coidado na casa. Ademais, este curso tamén redunda positivamente nas persoas coidadoras, pois aprenderán técnicas que limitarán o seu desgaste, tanto físico como emocional, derivado do labor de atención a unha persoa en situación de dependencia.
Así, o temario de contidos do curso combina teoría e práctica e aborda os seguintes aspectos: ‘Detección do DCA’; ‘Pautas para avaliar a evolución da persoa con DCA’; ‘Comunicación coa persoa con dano cerebral adquirido e habilidades comunicativas’; ‘Alteracións cognitivas e condutuais’; ‘Ocupacións: Accesibilidade e produtos de apoio'; ‘Alimentación, deglutición e medicación’; ‘Tratamento da intimidade e da privacidade’; ‘Hixiene, curas e prevención de úlceras’; e ‘Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer’.
A docencia estará repartida entre tres profesionais especializadas de Dano Cerebral Galicia: Carla Miranda Iglesias, traballadora social; Inés Mosquera Costa, terapeuta ocupacional; e Noelia Rivadas López, logopeda.