- Ámbito
- Punxín
- Data
O curso divídese en tres sesións presenciais que terán lugar nas tardes do 25 de novembro e do 4 e 9 de decembro.
O obxectivo é mellorar a capacitación de coidadoras/es formais e informais para incrementar a calidade da atención que reciben as persoas con dano cerebral.
Dano Cerebral Galicia abriu o período de inscrición nunha nova edición do curso ‘Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido’, unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, que afecta a máis de 35.000 persoas en toda Galicia.
Este curso, presencial e gratuíto, está dirixido tanto a profesionais sociosanitarias dedicadas á atención e coidado de persoas con dano cerebral adquirido como a familiares e coidadoras informais. Ten unha duración de dez horas que se van repartir nas tardes do 25 de novembro (16:30 a 19:30), 4 de decembro (16:00 a 20:00) e día 9 do mesmo mes (16:30 a 19:30). A localización aínda non está pechada; comunicarase con tempo ás persoas inscritas.
A inscrición pode realizarse a través do do formulario online ao que se accede a través da seguinte ligazón: https://forms.office.com/e/mHwNFp2TNT?origin=lprLink
As persoas que completen o curso recibirán un certificado emitido pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), do Sergas. A Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente da devandita Axencia, participa na organización da actividade formativa.
Dano Cerebral Galicia conta tamén coa colaboración do Concello de Punxín, e co financiamento do Grupo Tragsa, no marco da convocatoria ‘Solidarios Nacionales’.
Un temario destinado a coñecer a especificidade do dano cerebral adquirido
O obxectivo da formación, que imparten profesionais de Dano Cerebral Galicia, é mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido través da capacitación de quen que se fai cargo do seu coidado na casa. Ademais, este curso tamén redunda positivamente nas persoas coidadoras, pois aprenderán técnicas que limitarán o seu desgaste, tanto físico como emocional, derivado do labor de atención a unha persoa en situación de dependencia.
Así, o temario de contidos do curso combina teoría e práctica e aborda os seguintes aspectos: ‘Detección do DCA’; ‘Pautas para avaliar a evolución da persoa con DCA’; ‘Comunicación coa persoa con dano cerebral adquirido e habilidades comunicativas’; ‘Alteracións cognitivas e condutuais’; ‘Ocupacións: Accesibilidade e produtos de apoio'; ‘Alimentación, deglutición e medicación’; ‘Tratamento da intimidade e da privacidade’; ‘Hixiene, curas e prevención de úlceras’; e ‘Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer’.