- Ámbito
- Online
- Data
A plataforma de teleformación de Dano Cerebral Galicia capacitou a 916 persoas nesas tres áreas de coñecemento nos últimos 5 anos.
Dano Cerebral Galicia programou xa o seu primeiro ciclo de formacións online de 2026. A escoladanocerebralgalicia.org vai impartir tres cursos: Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido (en febreiro); Alimentación, deglutición e nutrición. Abordaxe no dano cerebral (marzo); e Sexualidade e dano cerebral adquirido (abril).
A Federación de asociacións de dano cerebral leva desde 2021 promovendo estas accións formativas, que en cinco anos conseguiron capacitar, na súa modalidade online, a 916 persoas (311 en Apoio no fogar, 382 en Nutrición, e 223 en Sexualidade).
Todas as formacións son gratuítas e ofrecen 30 prazas. Cada un dos cursos ten unha duración de 50 horas e todos se realizan online, cunha dinámica teórico-práctica e titorización permanente da técnica de Formación de Dano Cerebral Galicia.
Estas accións formativas están dirixidas a persoas con dano cerebral adquirido, familiares e/ou coidadores e coidadoras, así como a profesionais de diferentes ámbitos da atención formal ao noso colectivo, sen esquecer aqueles/as en fase de formación, ben sexa alumnado universitario ou de ciclos sociosanitarios.
Aínda que os tres cursos son de balde, pódese solicitar o envío postal do manual formativo de cada un deles, xunto co certificado de superación en papel, por 20 euros.
Están organizados por Dano Cerebral Galicia e contan co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se programan grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.
Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido
Datas: 02/02/2026 ao 27/02/2026
O temario aborda os seguintes aspectos: ‘Detección do DCA’; ‘Pautas para avaliar a evolución da persoa con DCA’; ‘Comunicación coa persoa con dano cerebral adquirido e habilidades comunicativas’; ‘Alteracións cognitivas e condutuais’; ‘Ocupacións: Accesibilidade e produtos de apoio'; ‘Alimentación, deglutición e medicación’; ‘Tratamento da intimidade e da privacidade’; ‘Hixiene, curas e prevención de úlceras’; e ‘Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer’.
Alimentación, deglutición e nutrición. Abordaxe no dano cerebral
Datas: 02/03/2026 ao 31/03/2026
O temario estrutúrase en seis unidades que abranguen a definición do dano cerebral adquirido (causas, fases e epidemioloxía) e a súa relación coa alimentación (definición, secuelas, produtos de apoio e estratexias e posicionamento); a deglutición (fases e estruturas implicadas na deglutición, así como fases e tipos de disfaxia); a nutrición (requirimentos de enerxía e nutrientes, grupos de alimentos e pirámide alimentaria, requirimentos de hidratación, adaptación da dieta en disfaxia e necesidades de suplementación no DCA/disfaxia); a medicación (centrada nas estratexias de adaptación das formas farmacéuticas) e a hixiene bucodental.
Sexualidade e dano cerebral adquirido
Datas: 06/04/2026 ao 30/04/2026
O temario está estruturado en cinco apartados:
- MARCO HISTÓRICO E CONCEPTUAL. Breve introdución histórica; Concepto de persoa, saúde, saúde sexual e discapacidade; e Dereitos sexuais e reprodutivos das persoas con discapacidade.
- O FEITO SEXUAL HUMANO. Conceptos xerais; Resposta sexual humana; e Modelos na resposta sexual humana e disfuncións sexuais.
- SEXUALIDADE EN PERSOAS CON DANO CEREBRAL ADQUIRIDO. O dano cerebral adquirido; Impacto a nivel familiar; Dano cerebral adquirido e sexualidade; e Calidade de vida.
- ABORDAXE DA SEXUALIDADE. Modelo de atención; Obxectivos e metas; Ámbitos de actuación; Necesidades de axentes implicados e actuacións.
- PRÁCTICA PROFESIONAL. Boas prácticas; Que se debe transmitir como profesional; Abordaxe da sexualidade en institucións; e Xestión de casos.