- Ámbito
- Vilagarcía de Arousa
- Data
A proba deportiva terá lugar o 11 de xullo na Praia do Preguntoiro (Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa) e dá opción de nadar unha ou media milla.
A Travesía a Nado #PoloDanoCerebral volve á Praia do Preguntoiro (Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa) este verán e xa ten a inscrición aberta. A proba deportiva máis inclusiva da tempada de augas abertas vai ter lugar o sábado 11 de xullo. Está organizada, un ano máis, por Dano Cerebral Galicia, Arousaman-Arousawoman, o Concello de Vilagarcía de Arousa, e a Fundación de Deportes municipal.
As mareas marcaron que este ano a Travesía a Nado sexa en horario de mañá. O inicio da proba está marcado para as 11:00, abrindo a recollida de dorsais de 9:00 a 10:45. O lugar de referencia é o Centro Sociocultural e Deportivo de Vilaxoán.
Como nas dúas edicións anteriores, a proba non é competitiva e está aberta a calquera persoa, federada ou non, que teña 16 ou máis anos no día da Travesía. O percorrido consiste nun trazado de aproximadamente unha milla náutica, habendo 2 modalidades de participación:
- Media milla náutica | 926 metros (1 volta)
- Unha milla náutica | 1.852 metros (2 voltas)
A inscrición tramítase aquí: polodanocerebral.org.
Prazos para a inscrición
Independentemente da modalidade seleccionada, a inscrición ten un prezo de 30 euros ata o 30 de xuño ás 23:59. As persoas que agarden a última hora teñen aínda a posibilidade de se inscribiren ata o 8 de xullo ás 23:59, por un importe de 40 euros.
A inscrición inclúe camiseta e gorro conmemorativos da proba, toalla de microfibra con estoxo, avituallamento na chegada, embarcacións e kaiaks de apoio, ambulancia, seguro de accidentes individual, balizado da proba e gardarroupa e vestiarios.
Ademais, as persoas que desexen colaborar pero non poidan asistir no día da proba, teñen a posibilidade de realizar unha achega a través do Dorsal 0, a través da mesma canle de inscrición.
Hai máis detalles na web de Dano Cerebral Galicia para probas deportivas, polodanocerebral.org, onde tamén se pode acceder ao regulamento da Travesía.
Organización e apoios
Dano Cerebral Galicia organiza a actividade conxuntamente coa asociación Arousaman-Arousawoman e co Concello de Vilagarcía de Arousa e a súa Fundación de Deportes.
Ademais, colaboran a Deputación de Pontevedra, Eroski e a Asociación Búsqueda y Salvamento.
A Travesía conta tamén co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda- e da Fundación José Otero - Carmela Martínez.