- Ámbito
- Galicia
- Data
As entidades sociais, aínda carecendo de ánimo de lucro, constitúen un sector industrial máis, creando valor económico e social.
EAPN Galicia vén de lanzar a campaña #OrgulloTerceiroSector para reivindicar o labor das entidades sociais como un dos axentes fundamentais na transformación social e na prestación de servizos sociais, acceso ao emprego ou a vivenda.
Ao seu escaso coñecemento súmase a existencia de prexuízos cara o traballo das entidades que conforman o Terceiro Sector. A isto engádese o feito de non consideralo un axente económico esencial que crea emprego e riqueza. Resultado desta idea son as discriminacións nalgunhas convocatorias, nas que non se ten en conta as características das entidades sociais e os perfís cos que se traballa.
O Terceiro Sector: xerador de emprego e riqueza
As entidades que forman parte do Terceiro Sector de Acción Social son un axente máis do sistema de servizos sociais, de emprego, acceso a vivenda, sanidade etc. Caracterízanse por unha atención individualizada e integral, poñendo o foco na persoa, respectando tempos de intervención e as súas casuísticas. O sistema de traballo nos servizos sociais, pola súa idiosincrasia, non posibilita esta atención centrada na persoa, como si o fan as entidades do Terceiro Sector.
O 'Barómetro del Tercer Sector de Acción Social en España 2024', publicado pola Plataforma de ONG de Acción Social, revelou que o Terceiro Sector move máis do 2% do PIB en España, traducido en máis de 19 mil millóns de euros que ingresa anualmente. Segundo este estudo, realizáronse 47 millóns de intervencións no ano 2023.
Asemade, o Terceiro Sector contribúe na xeración de emprego: neste último ano máis de 600.000 persoas estiveron empregadas e 1,4 millóns traballaron de forma voluntaria.
Achegar o Terceiro Sector á cidadanía
O Terceiro Sector é un dos grandes descoñecidos na sociedade en xeral. Mostra disto atopámola nos vídeos que lanzamos polas redes sociais. Pequenas pezas audiovisuais que evidencian o escaso coñecemento da cidadanía a través de entrevistas a persoas escollidas ao chou pola rúa. As respostas da cidadanía son un claro exemplo da visión paternalista e voluntaria das ONGs que segue a estar moi estendida na nosa sociedade.
Con esta campaña preténdese derrubar estes mitos, mostrando o traballo fundamental das entidades sociais. Pola man das persoas traballadoras e participantes, proporcionarase información veraz e rigorosa do seu labor social. A nosa Rede técena entidades como Accem, Acción contra a Fame, Asemblea de Cooperación pola Paz, AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social), Arela, Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA), Asociación para a prevención e a educación social (APES), Axuda en Acción, Federación Autismo Galicia, Boa Vida Inclusión Activa, Cáritas Lugo, Cáritas Mondoñedo-Ferrol, Cáritas Ourense, Cáritas Tui-Vigo, CDR O Viso, CDR Portas Abertas, COGAMI, Dano Cerebral Galicia, Down Galicia, Fundación ECCA Social, Ecos do Sur, Emaús Galicia, Fundación Amaranta, Fundación Érguete Integración, Fundación Esplai, Federación Alzheimer Galicia (FAGAL), Hogar Sí, Fundación JuanSoñador, Fundación Meniños, Fundación Ronsel, Fundación Secretariado Gitano, Igaxes, Médicos do Mundo, Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade (MPDL), ONG Mestura, Poten100mos, Provivienda e Saúde Mental FEAFES.
Malia traballar con distintos grupos poboacionais en situación de vulnerabilidade, todas elas teñen presente a causa común: a defensa pola igualdade, os dereitos e a xustiza social. Sempre dende un enfoque centrado na persoa como protagonista e dona da súa propia evolución persoal.
Eis o primeiro vídeo da campaña: