- Ámbito
- Lugo | Ourense
- Data
As persoas usuarias das entidades de Lugo e Ourense realizan diversas actividades no marco asociativo.
Ademais das liñas de traballo de perfil máis estritamente rehabilitador, as asociacións membro de Dano Cerebral Galicia teñen outras que, sen abandonar os obxectivos terapéuticos, desenvolven, manteñen ou reforzan capacidades a través de actividades variadas, destinadas a satisfacer os diferentes gustos das persoas usuarias das mesmas.
En ADACE Lugo manteñen unha horta que, próxima á entidade, permítelles traballar ao aire libre nun proxecto que combina planificación, atención, actividade física e goce do lecer, así como promoción da inclusión. Na horta lucense contan xa con pementos e fabas, e están a agardar polos tomates.
Pola súa banda, DCA Ourense promove un grupo de teatro,chamado Vitamina-T, que pasou todo o curso a ensaiar a obra 'Onde imos?', estreada hai poucas semanas na súa cidade. As actrices e actores Samu, Javi, Marisa, Abel, David, Inma, Ana, María e Marta realizaron nela un percorrido por diferentes países e emocións.
A estrea tivo lugar no marco dunha xornada de actividades coas familias na que tamén se sortearon produtos elaborados no obradoiro de manualidades da asociación ourensá e estreouse o 'kit' de xogos tradicionais elaborados na sala de carpintaría.