- Ámbito
- Galicia
- Data
Esta iniciativa incluíu 45 adestramentos en piscina e mar, así como a Travesía a Nado que organizamos en xullo en Vilaxoán.
Ata 43 adestramentos en piscina, dous no mar, e unha Travesía en augas abertas, son o resultado do proxecto 'Nado Polo Dano Cerebral', desenvolvido na súa maior parte en 2024, aínda que con raíces -no apartado de adestramentos- no ano anterior.
A Fundación José Otero - Carmela Martínez é unha das entidades que colaboraron no apoio económico a esta iniciativa de deporte inclusivo, na que estiveron implicadas 15 persoas con dano cerebral adquirido.
Un curso adestrando
En setembro de 2023 comezaron os primeiros adestramentos en piscina, que se desenvolveron semanalmente ata xullo de 2024 nas piscinas municipais dos concellos de Teo e de Brión. Un total de 43 sesións nas que participaron 11 persoas con dano cerebral adquirido, acompañadas por profesionais de Dano Cerebral Santiago de Compostela (terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas) e, en ocasións, tamén por persoas voluntarias da Asociación Arousaman - Arousawoman.
A dinámica de funcionamento os adestramentos foi dobre. Por unha banda, unha sesión mensual en Brión coas nadadoras e nadadores voluntarios para establecer obxectivos, incorporar novas técnicas etc.; pola outra, citas semanais na piscina de Teo só coas terapeutas para desenvolver e practicar o aprendido. Para finalizar, realizáronse dous adestramentos en augas abertas, na Praia do Preguntoiro, para preparar na contorna real a Travesía a Nado.
O proxecto de nado ideouse para facilitar a reincorporación das persoas que xa practicaban este deporte antes da chegada do dano cerebral ás súas vidas, pero tamén formou a persoas que non eran afeccionadas e mesmo a algunhas que non sabían nadar. Ademais do desenvolvemento das capacidades físicas das nadadoras e nadadores, coa orientación lúdica á participación nunha proba como a Travesía en augas abertas incorporouse un estímulo a modo de reto. A vertente lúdica do proxecto implicou tamén un importante reforzo a nivel de inclusión e participación social, coa conseguinte mellora do benestar xeral das persoas con dano cerebral adquirido implicadas.
Travesía a Nado aberta e inclusiva
O horizonte final dos adestramentos foi a participación na 2ª Travesía a Nado Polo Dano Cerebral, organizada por Dano Cerebral Galicia coa colaboración da Fundación de Deportes e do Concello de Vilagarcía na Praia do Preguntoiro, en Vilaxoán, o 6 de xullo.
A Travesía contou cun total de 125 persoas participantes, das que 15 foron nadadoras e nadadores con dano cerebral adquirido. Esta proba en augas abertas é singular polo seu carácter solidario, aberto e inclusivo, nas súas dúas modalidades: 900 e 1.800 metros. Un exemplo de visibilización do deporte adaptado e do dano cerebral adquirido, así como de fomento duns hábitos de vida saudables para a prevención da nosa discapacidade.
A continuación pódese ver unha reportaxe sobre a Travesía e sete pequenos vídeos con diferentes testemuños de persoas que participaron na proba de diferentes xeitos: unha nadadora con dano cerebral adquirido, Laura Sosa; o presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández; un adestrador de Arousaman - Arousawoman, Guillermo Díez; dúas fisioterapeutas, Isabel e Alicia; unha nadadora acompañante, Cristina Calviño; un voluntario en caiac, Ubaldo Costas; e unha nadadora sen discapacidade, Carmen González:
Múltiples alianzas e apoios
A Fundación José Otero - Carmela Martínez é un dos eixos sobre os que pivota este proxecto, no que as necesidades de financiamento foron amplas: desprazamentos aos adestramentos, aluguer das piscinas, materiais imprescindibles para a actividade, loxística propia da Travesía... A concesión dunha axuda no marco da súa convocatoria 2023-2024 foi fundamental para reforzar este proxecto.
A asociación Arousaman - Arousawoman foi tamén imprescindible porque achegou, de xeito voluntario, o coñecemento específico en técnicas de flotación, respiración e natación, ademais da colaboración necesaria para a correcta execución, tamén en termos de seguridade, da Travesía a Nado. Nese senso tamén estiveron implicadas Protección Civil de Vilagarcía de Arousa e a Asociación Búsqueda y Salvamento.
Mencionouse xa a colaboración do Concello de Vilagarcía e da súa Fundación de Deportes. A nivel de apoio económico estiveron tamén presentes a Consellería de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, no marco do Proxecto Rumbo.