- Ámbito
- Brión | Vigo
- Data
Programadas dúas edicións, nos centros Servisenior Brión e Emera Group (Vigo), que tamén están abertas ao público xeral.
No ano 2023, no marco do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', elaboramos un 'Estudo sobre a atención ao dano cerebral en recursos residenciais non específicos galegos'. A raíz das debilidades atopadas, Dano Cerebral Galicia creou tamén unha Guía de actuación para a atención do noso colectivo en contornas non especializadas, e desenvolveu un ciclo formativo dirixido a todo tipo de profesionais dos centros residenciais.
Contidos e inscricións
Este ciclo formativo continúa e presenta agora as dúas primeiras formacións de 2026, que van ter lugar nas residencias Servisenior Brión e Emera Group Vigo. Aínda que se realizan nos centros e se dirixen principalmente ao seu persoal, incluíndo todo tipo de perfís, están abertas á inscrición externa. A proposta formativa é de utilidade para coidadores/as de persoas con dano cerebral adquirido tanto a nivel formal (SAF, centros de atención diúrna, residenciais...) como informal (familiares e contorna social da persoa).
A formación divídese en dúas sesións ata ocupar un total de nove horas de duración, e está impartida por unha logopeda e unha terapeuta ocupacional de Dano Cerebral Galicia.
O programa inclúe unha introdución á nosa discapacidade e ás nocións de autonomía e vida independente, dereito á intimidade, apoio nas actividades da vida diaria e no ocio, alteracións na comunicación e na deglutición, e finaliza cun obradoiro práctico sobre atragoamentos.
Trátase dun curso gratuíto, no que é necesario inscribirse:
Servisenior Brión (Rúa Tarrío, 3)
- 10/03/2026 | 10:00 a 14:00
- 11/03/2026 | 09:00 a 14:00
Emera Group Vigo (Rúa Emilia Pardo Bazán, 116 - Sárdoma)
- 08/04/2026 | 16:00 a 20:00
- 09/04/2026 | 15:30 a 20:30
Apoio institucional e certificación
Esta formación está organizada por Dano Cerebral Galicia e conta co apoio da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) do Sergas. Precisamente é a escola quen emite o certificado de superación que se entrega ao alumnado do curso.
Ademais, estas actividades contan co financiamento da Deputación da Coruña, da Fundación "la Caixa" e da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.