- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
As actividades centráranse na promoción da autodeterminación individual e colectiva, na implicación comunitaria e no ocio inclusivo.
A vida independente e a plena inclusión social das persoas con discapacidade implica a súa participación en actividades culturais, recreativas e deportivas no seu tempo libre, en igualdade de condicións ca o resto da sociedade e, por tanto, sen que a súa situación ou necesidades supoñan unha barreira excluínte.
Co fin de garantir este dereito, Dano Cerebral Galicia puxo en marcha entre 2022 e 2024 diversos servizos de apoio comunitario para a participación e a promoción da cidadanía activa no marco do ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’. Como resultado, 329 persoas, 62 delas con dano cerebral adquirido, participaron nas distintas actividades, espazos e redes de socialización colectiva orientadas a favorecer o ocio inclusivo e a interacción e cohesión social.
A continuación resúmense as principais actuacións desenvoltas, amplamente detalladas no informe dispoñible nesta ligazón e resumidas na seguinte crónica audiovisual.
Grupo de Detección de Barreiras
O Grupo de Detección de Barreiras foi unha actividade realizada co fin de incentivar a participación en actividades de lecer comunitarias de persoas con dano cerebral e de promover a sensibilización sobre accesibilidade universal e ocio inclusivo entre persoas con discapacidade e axentes sociais chave.
A acción desenvolveuse en varias fases coa participación de 3 profesionais de Dano Cerebral Galicia e 3 persoas con dano cerebral residentes na área de Ferrolterra, quen tamén eran usuarias dos servizos de logopedia e terapia ocupacional ofrecidos pola Federación ao abeiro dos servizos sociosanitarios de proximidade do 'Proxecto Rumbo'.
Na primeira reunión do Grupo, celebrada en xuño de 2023, deuse inicio á actividade cunha formación sobre accesibilidade e coa identificación de espazos de ocio a contorna comunitaria significativos para as participantes. Despois, entre xullo e novembro de 2023, celebráronse tres encontros nos que se realizaron percorridos en espazos públicos e visitas a equipamentos culturais e de ocio para avaliar a súa accesibilidade, xerárondose, ademais, espazos de convivencia que favoreceron o xurdimento de lazos entre as persoas participantes.
A través da observación participante, as persoas con dano cerebral recolleron información e tomaron fotografías para, posteriormente, con apoio das profesionais de Dano Cerebral Galicia, elaborar un informe de diagnose con recomendacións para a eliminación dos obstáculos detectados.
No caso do documento referido ao Centro Comercial Odeón de Narón, un dos espazos analizados, as conclusións acadadas trasladáronse á xerencia das instalacións nunha reunión orientada a compartir a experiencia das persoas con dano cerebral e promover a implantación de melloras sobre mobilidade e accesibilidade cognitiva e sensorial.
Campaña de sensibilización sobre ocio inclusivo
De forma paralela ao Grupo de Detección de Barreiras, Dano Cerebral Galicia lanzou unha campaña de sensibilización sobre ocio inclusivo e accesible co obxectivo de promover o deseño de actividades de ocio e programación cultural dirixidas a todas as persoas con medidas favorecedoras da inclusión de quen ten discapacidade.
A través da elaboración de material divulgativo e a organización dun ciclo de sesións informativas, tentouse concienciar a persoal das administracións públicas, empresas e profesionais da xestión cultural sobre as barreiras físicas, comunicativas, cognitivas, sensoriais e socioeconómicas que enfrontan as persoas con dano cerebral adquirido cando queren acceder ou participar nunha actividade lúdica ou cultural, trasladando recomendacións de boas prácticas para evitalas.
Co fin de diversificar as accións e prolongar a duración da campaña, esta dividiuse en dúas fases: a primeira destinouse ao lanzamento e establecemento da toma de contacto e colaboración con axentes implicados, e a segunda planificouse para poñer o foco no alcance de axentes chave.
A presentación da campaña realizouse en novembro de 2023 no marco da 16ª edición da Feira das Culturas Galegas Culturgal ao abeiro das xornadas formativas organizadas en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), nas que se achegou a realidade do colectivo desde unha perspectiva tanto técnica como vivencial.
A partir desta experiencia, en 2024 organizáronse encontros informativos orientadas ao sector cultural local da Coruña, Lugo e Santiago, impartidas por unha técnica de Dano Cerebral Galicia, 3 representantes da Rede de Cidadanía Activa para Persoas con Dano Cerebral e profesionais do movemento asociativo
Como resultado destas charlas, ás que acudiron preto de 150 axentes públicos e privados do sector cultural e de ocio (como técnicas de centros socioculturais, traballadoras de empresas de ocio de dinamización comunitarias, persoal de museos etc), establecéronse contactos e reunións con asistentes interesados en avaliar a accesibilidade dos seus centros e actividades, así como en recibir formación e asesoramento sobre dano cerebral e ocio inclusivo.
Rede de Cidadanía Activa de Persoas con Dano Cerebral
Unha das accións máis innovadoras postas en marcha co fin de facilitar a participación cidadá e política foi a creación da Rede de Cidadanía Activa de Persoas con Dano Cerebral, un instrumento deseñado para fomentar a autodeterminación, individual e colectiva, das persoas con esta discapacidade.
Esta plataforma ofrece un espazo común para a definición de obxectivos compartidos e a toma de decisións conxuntas, tanto no relativo á participación das súas integrantes na comunidade como no referente á incidencia nas políticas públicas e a lexislación a través da defensa activa dos seus dereitos.
A súa constitución realizouse ao longo de varias fases nun proceso que arrancou coa convocatoria de encontros con persoas das asociacións federadas interesadas en implicarse no proceso para difundir a idea de partida e analizar as súas expectativas, dúbidas ou reticencias ante a proposta. Entre xuño e xullo de 2023, a traballadora social e a educadora social de Dano Cerebral Galicia coordinaron cinco grupos focais, celebrados en cada unha das nosas entidades, e nos que participaron un total de 25 persoas usuarias, co apoio de 17 profesinais do movemento asociativo.
Neses primeiros encontros, realizouse unha diagnose das necesidades, intereses e demandas das asistentes e analizouse o modelo organizativo e as actividades que realizan os grupos xa existentes en Dano Cerebral Santiago de Compostela (entidade na que funciona o grupo denominado 'Primeira Persoa') e en Alento (na que o colectivo se chama 'Autoxestores'). Ademais, esta primeira toma de contacto permitiu detectar a convicción compartida ao redor da utilidade da constitución dunha plataforma de participación activa que dote de maior visibilidade social ao dano cerebral adquirido con relatos e voces en primeira persoa.
Tras dúas sesións telemáticas nas que se avanzou nas fórmulas de funcionamento interno, en abril de 2024 celebrouse o primeiro encontro presencial no que participaron persoas das diferentes asociacións e no que se constituíu formalmente a Rede a través da aprobación das súas normas reguladoras. Posteriormente, en outubro de 2024, 1 integrantes desta plataforma compartiron unha xornada de ocio colectivo en Lugo, onde aproveitaron unha visita guiada pola cidade histórica para estreitar vínculos e acordar novas accións.
Conformada, actualmente, por 19 persoas de catro das asociaciós federadas a Dano Cerebral Galicia, desde a súa posta en marcha a Rede xa formou parte activa en diversas actividades de visibilización do dano cerebral e de defensa dos dereitos das persoas que teñen esta discapacidade, como a reunión mantida coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, o pasado mes de novembro co fin de presentar unha serie de inquedanzas e demandas do movemento asociativo ou a entrega a do 12º Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco.
Deporte inclusivo
A participación activa das persoas con dano cerebral tamén se promoveu a través de actividades deportivas deseñadas cun enfoque lúdico e de mellora do benestar físico e emocional, nas que se involucraron 137 persoas, das que 25 teñen dano cerebral.
A principal iniciativa neste eido foi o programa de natación, ideado para facilitar a reincorporación de persoas que xa practicaban este deporte antes da chegada do dano cerebral ás súas vidas, pero tamén para formar a outras que non eran afeccionadas e mesmo a algunhas que non sabían nadar.
A actividade, conformada por 43 adestramentos en piscina e 2 en mar aberto, contou con 11 participantes con dano cerebral adquirido, así como con tres profesionais (terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas) de Dano Cerebral Santiago de Compostela e, en ocasións, con voluntariado da Asociación Arousaman - Arousawoman.
Nas sesións, realizadas nas piscinas municipais de Teo e Brión e na praia do Preguntoiro, en Vilagarcia de Arousa, as participantes aprenderon técnicas de respiración, flotación e natación adaptadas ás súas secuelas e necesidades co obxectivo final de participar na ‘2ª Travesía a Nado Polo Dano Cerebral’. Esta proba solidaria e non competitiva, aberta a participación de persoas con ou sen discapacidade, celebrou a súa segunda edición o 6 de xullo de 2024 coa participación de 125 deportistas, das que 15 foron nadadoras e nadadores con dano cerebral adquirido.
Por outro lado, a segunda actividade deportiva realizada desenvolveuse dentro do convenio de colaboración co Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso a través da celebración de 9 sesións de boccia, unha modalidade deportiva paralímpica creada inicialmente para persoas con parálise cerebral.
A actividade, dirixida por unha logopeda e unha terapeuta ocupacional de Dano Cerebral Galicia, contou coa participación de 10 persoas con dano cerebral, ás que non só involucrou nunha actividade lúdica con beneficios para o benestar físico, senón que tamén puxo en contacto con outras usuarias do centro nun ambiente interxeracional.
O Proxecto Rumbo, unha ambiciosa iniciativa
O ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ é unha iniciativa colaborativa desenvolta entre 2024 e 2024 por distintas confederacións do terceiro sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, Impulsa Igualdad, Daño Cerebral Estatal e AUTISMO ESPAÑA). O seu propósito foi impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e a vida independente de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
A iniciativa, que contou coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas, financiouse polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos Next Generation da Unión Europea.