- Data
As entidades membro da Federación Española de Daño Cerebral unifícanse baixo un novo logo e denominación.
A Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) estreou nova imaxe baixo a marca 'Dano Cerebral'. A través do vídeo de presentación 'Aquilo que somos', deuse a coñecer o novo paso que adopta este Movemento Asociativo, que agrupa ás entidades que traballan con persoas con Dano Cerebral Adquirido e as súas familias.
"O camiño ata aquí fíxonos máis fortes". Ana Cabellos, presidenta da Federación Española de Dano Cerebral, sinalou a importancia deste paso para o Movemento Asociativo, que se iniciou no ano 2017 e que conclúe agora coa adopción da marca.
Desde onte, a Federación identificarase co novo logo e denominación que se presentou nun diálogo no que participaron Ana Cabellos, presidenta da Federación Española de Dano Cerebral, e Luciano Fernández, ex presidente da mesma, e que se atopaba exercendo o cargo cando se expuxo este reto. "É unha boa noticia para todas as entidades, esta é unha ferramenta para cohesionar e para que sigamos traballando no noso obxectivo", indicou o ex presidente, que convidou a todas as entidades do Movemento Asociativo a que adopten a nova marca sen medo ao cambio.
"Agora tócanos implantar esta marca en todo o territorio", Ana Cabellos concluíu o acto facendo fincapé en que o Movemento Asociativo ten capacidade para realizar este cambio, que será positiva.
No acto tamén participaron Candela Nogueroles, responsable de comunicación da FEDACE, que detallou o proceso técnico de adaptación, e Esperanza Sanabria, deseñadora, que describiu a simboloxía e proceso de elaboración da marca.
Con esta unión de imaxe, a Federación Española de Dano Cerebral quere mostrar ao exterior o traballo, a cohesión e a evolución que se deu de maneira interna desde a súa creación no ano 1995, e reforzar o proxecto común e os obxectivos compartidos de todas as entidades que forman parte.
Trala presentación por parte de FEDACE, as asociacións e federacións membro irán incorporándose á nova denominación e imaxe corporativa. A nivel galego, FEGADACE vai anunciar proximamente un acto no que se realizará a presentación autonómica.