- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A reforma inclúe maiores vantaxes fiscais por doar a entidades sen ánimo de lucro como FEGADACE.
Tras dúas décadas de traballo colectivo do terceiro sector, o pasado 20 de decembro de 2023 o Goberno aprobou as modificacións da Lei 49/2002 de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
A reforma, en vigor desde o 1 de xaneiro de 2024 e convalidada polo Congreso recentemente, busca promover a "participación de inversións privadas nas actividades de interese xeral" e aumentar o micromecenado e a doazón continuada, fontes de ingresos fundamentais para a sostibilidade das entidades sen ánimo de lucro do tecido social, cultura, educativo e investigador.
A continuación, resumimos as mudanzas máis significativas do cambio lexislativo, impulsado dentro do paquete de medidas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en materia de servizo público de xusticia, función pública, réxime local e mecenado.
En primeiro lugar, melloran as porcentaxes de dedución, os importes e os límites á dedución. En concreto:
- Para persoas físicas: foméntase o micromecenado co aumento da base deducible do IRPF. A dedución de até o 80% que antes se aplicaba a un máximo de 150€ agora increméntase até os 250€. A partir dese limiar, a porcentaxe de dedución increméntase do 35% ao 40% e do 40% a 45% cando son recorrentes, é dicir, cando nos 2 anos anteriores se fixera doazón á mesma entidade por, cando menos, igual importe. Así, se unha persoa doa 300€ a FEGADACE, o custo real do doazón será de 77,50€.
- Para persoas xurídicas: as deducións no Imposto sobre Sociedades (IS) aumentan do 35% ao 40% nas doazóns de até 250€. No caso das recorrentes, a porcentaxe ddeducible sobre do 40% ao 50%. Ademais, increméntase do 10% ao 15% o límite da base impoñible no IS.
- Incentivo ao mecenado sostido ou recorrente: redúcese de 4 a 3 anos o número de anos que se teñen en conta para establecer se unha doazón é recorrente. En caso de recurrencia (doazóns efectuadas a unha mesma entidade por importe igual ou superior aos do ano anterior), a porcentaxe de dedución será do 45% por este tramo, no caso das persoas físicas, e do 50%, no caso das persoas xurídicas.
En segundo lugar, amplíase o alcance do concepto de doazón, coa incorporación da figura do mecenado de recoñecemento ou recompensa. Este permite que as persoas ou entidades doantes poidan obter retornos simbólicos en forma de contraprestación de bens ou servizos, sempre que non representen máis do 15% do valor da doazón por un valor máximo de 25.000€.
En terceiro lugar, incorpórase como novo tipo de doazón deducible a "cesión de uso dun ben moble ou inmoble" sempre que se realice sen contraprestación. Ademais, na valoración da doazón inclúense os gastos soportados anualmente por quen cede durante o tempo que dura a cesión do ben.
En cuarto lugar, amplíase o concepto de convenio de colaboración empresarial en actividades de interese xeral. Recoñécense de forma expresa as doazóns en especie e as prestacións gratuítas de servizos como mecanismo de axuda económica (como asesoramentos e consultorías ou espazos de publicidade en medios de comunicación, entre outros), sempre que se realicen dentro dun convenio de patrocinio e colaboración empresarial. Ademais, a difusión da participación no convenio, que antes da reforma corría a cargo da entidade beneficiaria, agora poderá ser realizada tamén pola persoa ou empresa colaboradora.
Finalmente, inclúense novas actividades exentas do IS e modifícanse os requisitos para ser entidade non lucrativa a efectos deste réxime fiscal. Así, por unha banda, incorpórase as actividades de investigación, desenvolvemento e innovación, servizos de inserción sociolaboral para persoas en risco de exclusión, e ensinanza e formación profesional para estudantes de altas capacidades como actividades exentas do Imposto de Sociedades, sempre que sexan desenvoltas por entidades sen ánimo de lucro. Por outra banda, inclúense as entidades que teñen por obxecto social a defensa dos animais como actividade de interese xeral, sempre que sexan fundacións ou teñan a Declaración de Utilidade Pública.