- Ámbito
- Galicia
- Data
A Comisión de Seguimento do documento realizou unha avaliación semestral que determinou como "razoable" o nivel de cumprimento.
Dano Cerebral Galicia acadou o 35% das accións previstas para realizar este ano e ten case a metade -o 44%- en proceso, xa iniciadas ou finalizadas e pendentes de avaliación final. O 14% de accións están datadas para realizar no segundo semestre, e un 7% foi reprogramado da primeira para a segunda metade de 2025.
Así, a Comisión de Seguimento do Plan Estratéxico 2025-2028 de Dano Cerebral Galicia, que se reuniu a finais de xuño, determinou como "razoable" o nivel de cumprimento das obrigas marcadas no documento. Esta mesma comisión chama a reforzar o seguimento do 44% de medidas que están en marcha para asegurar que se acaden dentro do exercicio, aínda que o órgano tamén considera que o plan é ambicioso, polo que sería "razoable replanificar, de ser necesario, algúns obxectivos cara ao primeiro semestre de 2026".
Diferenzas entre liñas estratéxicas
Na reunión da Comisión de Seguimento avaliouse o Plan Estratéxico seguindo as súas liñas, eu amosan un nivel de consecución desigual. Por exemplo, a área de 'comunicación externa e sensibilización social' ten un nivel de execución do 70% de accións, mentres que a de 'acción política e fortalecemento social' está ao 9% -aínda que con 45% de mandatos en proceso-.
Pola súa banda, os 'proxectos e programas para a calidade de vida' están ao 50%, as tarefas de 'crecemento e cohesión asociativa' teñen a cuarta parte de accións acadadas e a metade parcialmente conseguidas, e os labores de 'consolidación estrutural e sustentabilidade' comparten unha cuarta parte de consecución de obxectivos, fronte ao 67% de accións en proceso.
Retos no primeiro ano de implantación do Plan
Ademais da avaliación cuantitativa, a Comisión debateu diferentes aspectos cualitativos que implican retos na implantación do Plan, que iniciou a súa vixencia este ano.
Entre eles está visibilizar máis o labor realizado, reforzar as medidas que se consideran prioritarias pero contan cunha implantación feble (como asistencia persoal ou incidencia política), intensificar a interlocución con Consellerías aínda non abordadas, incorporar novos indicadores de impacto, acompañar tecnicamente as accións a desenvolver polas entidades federadas ou incrementar a participación activa das asociacións nas accións de incidencia e seguimento.