- Ámbito
- Galicia
- Data
O manifesto da Fundación CERMI Mujeres chama a defender ás mulleres e nenas con discapacidade; Ministerio e Consellería presentaron plans específicos.
O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A Fundación CERMI Mujeres quixo este ano chamar a atención sobre as condutas cómplices, e clama no seu manifesto que "O silencio faite cómplice! Denuncia a violencia contra mulleres e nenas con discapacidade" (dispoñible tamén en lectura fácil, pictogramas e lingua de signos).
Este é o chamado final dun manifesto centrado na denuncia da invisibilidade das mulleres e nenas con discapacidade, que facilita que a violencia contra elas pase desapercibida, e pon o foco no "silencio interesado de autoridades, institucións, profesionais, membros da familia e da comunidade, que calan perante a violencia en todas as súas formas contra mulleres e nenas con discapacidade". Un texto que salienta especialmente a opacidade da situación na que se atopan as mulleres institucionalizadas, ás que esta violencia afecta de maneira "desproporcionada".
Por iso o manifesto de CERMI Mujeres exixe asegurar o acceso á xustiza e a reparación; o reforzo da supervisión de todo tipo de institucións nas que participan as mulleres e nenas con discapacidade; establecer protocolos realmente efectivos de acceso á denuncia; vixilancia para que estes casos non finalicen en situacións de mediación ou conciliación; capacitación das mulleres con discapacidade no recoñecemento de situacións de abuso ou maltrato; e romper co muro de silencio e denunciar.
Protocolo da Consellería de Política Social e Igualdade
A Xunta de Galicia anunciou, trala reunión do Consello de Goberno do pasado 11 de novembro, a súa programación polo 25N. No marco da mesma, anunciouse a presentación do protocolo para a atención de mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero, que a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, adiantara durante o acto do CERMI Galicia con motivo do Día da Discapacidade de 2024.
Plan de Dereitos Sociais para protexer os dereitos das mulleres e nenas con discapacidade
O Pleno do Consello Nacional de Discapacidade do pasado 23 de outubro aprobou o primeiro Plan de acción para a promoción e protección dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade (2025-2035) do Ministerio de Dereitos Sociais.
Os obxectivos principais do plan son que as mulleres e nenas con discapacidade accedan aos seus dereitos en igualdade de condicións, e erradicar situacións de violencia e discriminación. En concreto, o terceiro dos seus obxectivos estratéxicos é 'Erradicar as violencias, os abusos e aquelas prácticas nocivas da vida das mulleres e nenas con discapacidade'. Complementariamente, o sexto dos obxectivos estratéxicos quere 'Garantir o acceso efectivo á xustiza da mulleres e nenas con discapacidade'. No documento pódense consultar as dez medidas previstas no marco do obxectivo 3, e que inclúen un "protocolo para atención ás mulleres e nenas con discapacidade vítimas de violencia contra as mulleres" ou a formación para a identificación deste tipo de violencias.
Dano Cerebral Galicia: compromiso coa igualdade
Dano Cerebral Galicia promove e cre na igualdade e a non discriminación entre mulleres e homes. Traballamos co firme compromiso e convicción coa igualdade de oportunidades, a inclusión e o respecto pola diversidade. Non se toleran actitudes machistas, discriminatorias nin de acoso sexual ou por razón de sexo, nin identidade de xénero.
Existe un servizo de atención telefónica a todas as formas de violencia contra as mulleres: o 016. É gratuíto e confidencial. Tamén se pode contactar por correo electrónico (016-online@igualdad.gob.es), chat online (violenciagenero.igualdad.gob.es) ou WhatsApp (600 000 016).