- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Presentamos a 'Axenda da prevenición do ictus' e 'Cóidate', dous materiais informativos para o control dos factores de risco elaborados coa Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC).
Meses de colaboración entre Dano Cerebral Galicia e a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC) culminaron onte na presentación, na Xornada de Prevención do Ictus, de dous materiais informativos destinados a desmontar mitos sobre a saúde para o control dos factores de risco cerebrovascular.
A OMS determinou que ata o 90% dos casos de ictus podería evitarse intervindo nos factores de risco do ictus, polo que a preocupación pola sensibilización social arredor dos mesmos é unha prioridade para Dano Cerebral Galicia. E nada mellor que aliarse co persoal de Enfermería de Atención Primaria para chegar á cidadanía en xeral, e ás persoas que presentan algún ou varios dos factores de risco en particular.
Así, ambas entidades constituímos dous grupos de traballo: un de atención á cronicidade, e outro de promoción dun estilo de vida saudable.
Axenda da prevención do ictus
O de atención á cronicidade centrouse na abordaxe dos principais factores de risco: hipertensión arterial, diabetes, dislipemia e obesidade, para crear unha Axenda da prevención do ictus destinada ao manexo por parte da persoa que os presenta. Cada un dos capítulos do caderno ten unha estrutura similar: define o factor de risco; detalla os parámetros saudables; relaciónao con outras doenzas; aconsella como facer seguimento en colaboración co persoal sanitario; recomenda hábitos a nivel de alimentación, actividade física etc.; e, por último, proporciona unha checklist para o seu seguimento anual. Esta checklist organízase arredor dunha serie de cuestionarios nos que a persoa vai cubrindo cuestións como o control do peso, as analíticas realizadas, a incorporación de hábitos de alimentación saudable, ou as sesións semanais de actividade física, por citar algúns.
A Axenda da prevención do ictus amosouse virtualmente, e tamén se achegou ás persoas asistentes á Xornada unha ligazón para acceder a un caderno virtual xerado a través de Notebook LM (servizo de IA de Google) no que se pode ver un adianto dos contidos da mesma. Publicarase en papel nas vindeiras semanas.
Cóidate. Desmontando mitos para a prevención do ictus
Pola súa banda, o grupo de traballo de estilos de vida saudables ideou un produto informativo destinado á poboación xeral, con ou sen factores de risco identificados, centrado en desmontar mitos arredor da saúde ancorando as respostas na súa correspondente fundamentación científica. Con forma de folleto despregable, titúlase Cóidate. Desmontando mitos para a prevención do ictus, e engade á anterior lista de factores de risco outros como o consumo de tabaco, o de alcol, o sedentarismo e a fibrilación auricular.
En cada un dos temas, recolle afirmacións populares, ou mitos, que a continuación desmonta con argumentacións especializadas. Por exemplo, "se non teño síntomas, a miña tensión está ben", ao que se responde que pode non dar síntomas e aínda así estar danando órganos; a idea de que a hipertensión ou o colesterol só afectan a persoas maiores; ou afirmacións como "se vou ao ximnasio unha hora ao día xa non son sedentario/a", sobre a que se indica que se o resto do día a persoa está sentada, o seu comportamento considérase sedentario.
Cada listado de mitos acompáñase de recomendacións para a prevención do ictus manexando correctamente o factor de risco en cuestión. Este documento si está publicado, entregouse ás persoas asistentes e vaise distribuír nas vindeiras accións de información e sensibilización de Dano Cerebral Galicia.
Xornada polo Día Mundial do Ictus
A presentación dos materiais tivo lugar na tarde de onte, 29 de outubro, Día Mundial do Ictus, no Salón de Actos da Consellería de Sanidade, en Santiago de Compostela. A Xornada contou co recoñecemento de Interese Sanitario da mesma Consellería. Trátase dunha data de importancia para Dano Cerebral Galicia porque o ictus é a principal causa da nosa discapacidade, no 78% dos casos.
Inaugurouse coa presenza do presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández, que salientou a necesidade de avanzar na posta en marcha do Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral, co obxectivo de dar resposta ás necesidades das persoas ingresadas por un ictus, e da presidenta de AGEFEC, Belén González, quen denunciou que as cuestións relacionadas coa prevención non se poden ver descoidadas pola carga asistencial dos e das profesionais da Enfermería.
A representación institucional ostentárona a directora xeral de Discapacidade, Begoña Abeijón, quen amosou a súa disposición a continuar colaborando para garantir a coordinación entre os eidos social e sanitario, e o xerente do Sergas, José Ramón Parada, que apuntou a tres piares para a abordaxe do ictus: a detección precoz e a actuación coordinada, a mellora continua dos procesos asistenciais, a e a humanización da atención.
O acto central da Xornada foi a mesa de presentación dos materiais, na que Noelia Rivadas, técnica de Formación de Dano Cerebral Galicia, explicou o proceso de traballo dos grupos conxuntos, e achegou diferentes datos que chaman a atención sobre a necesidade de abordar a prevención do ictus, como o feito de que no mundo prodúcese un destes eventos cada 3 segundos. A continuación Uxía Rey, enfermeira da AGEFEC, amosou os documentos centrándose na Axenda, que exhibiu páxina por páxina complementando con exemplos sobre dereitos dos e das pacientes que non son coñecidos.
Por último, a membro da Rede de Cidadanía Activa de Persoas con Dano Cerebral Sonia Estévez, que tivo un ictus, respondeu á entrevista de Rivadas chamando a toda a cidadanía a reflexionar sobre os seus factores de risco e a informar e colaborar co persoal médico para o seu control. Indicou que no seu caso manexaba tres factores de risco diferentes; dous médicos, que trataba con outros tantos servizos privados, e, no caso do estrés, acudindo a terapia, pero que nunca se lle ocorrera poñer toda esta información en coñecemento do seu facultativo de cabeceira, imposibilitando unha abordaxe integral e abrindo, polo tanto, a porta á chegada do ictus.
Para pechar a Xornada, profesionais de Dano Cerebral Galicia e da AGEFEC guiaron o espazo 'Ponte a proba', no que as persoas asistentes puideron ir experimentando diferentes mecanismos de control dos seus factores de risco de ictus: medición da tensión, control do azucre, peso, ou información sobre a prevención, e tamén sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido. En paralelo, ofreceuse unha merenda saudable.