- Ámbito
- Lugo
- Data
Coordinado pola neuropsicóloga do centro, ten unha hora de duración e pretende manter e potenciar capacidades cognitivas e sociais.
Durante o mes de setembro vaise retomando a actividade en Dano Cerebral Lugo. A próxima cita que xa conta con data é o retorno do Obradoiro de Memoria, que imparte a neuropsicóloga do centro, Elisa López. Será o 15 de setembro.
Este obradoiro diríxese a persoas con dano cerebral que acoden ou teñen acudido aos servizos de atención ambulatoria, é dicir, que non forman parte do centro de atención diúrna. O seu obxectivo é manter e potencia ao máximo as capacidades cognitivas, emocionais e sociais da persoa, así como achegar estratexias para o desenvolvemento das habilidades sociais e, polo tanto, do benestar emocional da persoa con dano cerebral adquirido.
A cita é os luns, cunha hora de duración, e, para facilitar a asistencia, Dano Cerebral Lugo ofrece a posibilidade de inscribirse en modalidade presencial ou online. Habitualmente participan no obradoiro arredor de 20 persoas. Este ano a inscrición está aberta e para realizala só hai que contactar con Dano Cerebral Lugo.