- Ámbito
- Lugo
- Data
Diríxense a infantil, primaria e secundaria, e no que vai de curso xa informaron a arredor de 150 nenos e nenas.
Dano Cerebral Lugo comeza o ano retomando o seu programa de sensibilización en centros escolares. A asociación desenvolve obradoiros de concienciación sobre o dano cerebral adquirido en centros educativos de infantil, primaria e secundaria, adaptando os contidos en función das franxas de idade do alumnado.
Contan con diferentes presentacións e materiais propios e, cando se trata de infantil, empregan o libro de Os Bolechas Mireia conta que é o dano cerebral adquirido. Os obradoiros contan con partes teóricas e tamén con exercicios e dinámicas prácticas.
Esta actividade continúa, pois, en xaneiro, coa previsión de visitar tres centros educativos da cidade e doutros lugares da provincia de Lugo, como o instituto de Castro Ribeiras de Lea. No que vai de curso, Dano Cerebral Lugo visitou xa cinco centros educativos nos que recibiron información sobre a nosa discapacidade arredor de 150 nenas e nenos.