- Ámbito
- Lugo
- Data
As persoas con dano cerebral adquirido da entidade fundan un foro online no que comentar series, libros e películas.

Dano Cerebral Lugo vén de fundar un grupo de debate online para comentar series, libros e películas que as mesmas persoas usuarias da entidade van escollendo. Decidiron chamarlle Lerflix.
Trátase dun obradoiro coordinado pola educadora social e pola neuropsicóloga da entidade, que realizaron as primeiras propostas temáticas ao grupo. O obxectivo é, unha vez rodado o grupo, que sexan as mesmas persoas participantes quen propoñan os materiais que se lerán ou visionarán.
As xuntanzas son mensuais, aínda que, en paralelo, o grupo mantén unha comunicación por WhatsApp na que se fai seguimento de como vai a lectura ou visionado. Deste xeito as persoas con dano cerebral reforzan a formación adquirida nos obradoiros de Memoria e de redución da Fenda Dixital.
Outro dos motivos polos que as reunións de Lerflix son telemáticas é o de favorecer a participación. Aínda que hai persoas do centro de día de Dano Cerebral Lugo, tamén participan persoas usuarias dos servizos de rehabilitación ambulatoria, que non acoden a diario ao centro e que non visitan a cidade con regularidade, dada a distancia -por exemplo, residentes na Mariña-.
As persoas con dano cerebral poden intercambiar opinións e reflexións, debatendo sobre as series, películas e libros seleccionados, nunha contorna accesible e cómoda, na que teñen a garantía de que a súa voz vai ser oída.