- Ámbito
- Lugo
- Data
Colaboración coa UNED, a Fundación Breogán e o IES Terra Cha Trapero Pardo para reforzar tanto a aprendizaxe como a convivencia das persoas usuarias.
A semana que comezou o 15 de xuño pasouse ao aire libre en Dano Cerebral Lugo. Tiveron a oportunidade de participar en dúas actividades moi especiais que lles permitiron coñecer mellor a natureza e a historia da súa cidade.
Por unha banda, grazas á colaboración da UNED e da Fundación Breogán, realizaron un paseo polas beiras do río Miño. Durante a actividade, aprenderon sobre a rica biodiversidade da zona, descubrindo diferentes especies de flora e fauna que habitan neste espazo natural. Ademais, participaron na creación dun mural colectivo, unha experiencia moi enriquecedora que lles permitiu expresar de forma artística todo o aprendido ao longo da xornada.
Por outra banda, puideron redescubrir o patrimonio romano a través dunha visita guiada á Muralla de Lugo grazas ao director da Fundación Breogán, que guiou un interesante percorrido xunto co alumnado do IES Terra Cha Trapero Pardo.
Durante o tour, no que coñeceron historia, curiosidades, e a importancia deste monumento, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e puideron valorar aínda máis o legado histórico que conserva a cidade.
Estas dúas experiencias foron unha excelente oportunidade para aprender fóra da aula, combinando natureza, arte e patrimonio nunha semana chea de descubrimentos e convivencia.