- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Este recurso, executado como experiencia piloto no marco do Proxecto Rumbo, é un dereito que apenas se fai efectivo no noso país.
Dano Cerebral Galicia puxo en marcha un servizo de asistencia persoal a través dunha iniciativa piloto co fin de avaliar a viabilidade da implantación deste recurso, que posibilita que as persoas con discapacidade poidan desenvolver, avanzar e/ou recuperar os seus proxectos vitais a través dunha figura de apoio.
A experiencia, desenvolta entre febreiro de 2023 e xullo de 2024 a través do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', permitiu tanto a formación especializada de profesionais sociosanitarios para a prestación do servizo a persoas con dano cerebral adquirido como a recompilación de información testada sobre a necesidade da súa posta en marcha e a pertinencia da metodoloxía deseñada e implantada.
O programa, pioneiro no noso país, desenvolveuse en dúas fases a partir dun enfoque de dereitos que, afastándose do tradicional asistencialismo, baséase na defensa e promoción da vida independente e da autonomía persoal das persoas con discapacidade, recoñecendo que son estas quen deben ter o control sobre todos os aspectos da súa vida.
A formación, un primeiro paso imprescindible
Debido a que no noso territorio non existe unha formación específica sobre asistencia persoal, a primeira fase do proxecto consistiu no fomento da adquisición de coñecementos especializados neste recurso de apoio, caracterizado por favorecer o apoderamento das persoas con discapacidade ou dependencia.
Co fin de capacitar para o exercicio desta figura de apoio tendo en conta as necesidades propias das persoas con dano cerebral adquirido, entre marzo e maio de 2023 formouse a 23 profesionais do movemento asociativo galego a través dun curso de 50 horas promovido por Dano Cerebral Galicia. Despois, entre febreiro e abril de 2024 a outros 10 profesionais sociosanitarios do ámbito da discapacidade mediante un programa superior universitario de 100 horas de duración lanzado por Daño Cerebral Estatal en colaboración do CERMI e La Salle Centro Universitario.
A pilotaxe, un período de aprendizaxe
Entre as matriculadas na formación impulsada pola Federación española, Dano Cerebral Galicia seleccionou e contratou a dúas profesionais para a execución e seguimento dun proxecto experimental de asistencia persoal durante dous meses.
A pilotaxe, desenvolta entre abril e xuño de 2024, permitiu que un usuario de Dano Cerebral Santiago de Compostela e unha usuaria de Dano Cerebral Lugo puideran desenvolver un Plan de Vida Independente, é dicir, que puideran poñer en práctica o conxunto de obxectivos que, segundo as súas expectativas e desexos, querían alcanzar no seu día a día.
Con este fin, primeiramente as persoas usuarias e as profesionais definiron, a través dunha metodoloxía participativa, as metas e actividades a realizar, así como os apoios precisos para levalas adiante. Despois, durante o período de intervención, as asistentes persoais encargáronse crear as condicións favorables para favorecer a inclusión social, educativa e laboral das persoas con dano cerebral, respectando a súa vontade e desexos.
Os resultados, proba da pertinencia do servizo
Os resultados tras finalizar a pilotaxe, recollidos nun completo informe dispoñible nesta ligazón, apuntan a que o servizo de asistencia persoal postúlase como o recurso máis idóneo para o impulso da vida independente de persoas con dano cerebral adquirido e, por tanto, do exercicio da súa autodeterminación e inclusión comunitaria.
Tanto os datos vinculados coa consecución dos obxectivos propostos por cada participante, que se alcanzaron nun 90% en ambos casos, como o grao de satisfacción das persoas implicadas, que nun 86% dos casos cualificárona de 'moi alta', revelan que este servizo mellora a calidade de vida das persoas con discapacidade ao favorecer que poidan facer efectivo o dereito a decidir sobre a súa vida.
As persoas usuarias e as profesionais implicadas coincidir en destacar que as beneficiarias do servizo gañaron en seguridade, autonomía, independencia e iniciativa na toma de decisións. Unha mudanza que, a súa vez, repercutiu nun aumento da autoestima e nunha mellor autopercepción. Ademais, o servizo permitiu reducir a sobrecarga das persoas coidadoras, que puideron gozar dun tempo de respiro mentres a súa familiar contaba co profesional de asistencia persoal como apoio.
Un dereito pendente de ser efectivo
A experiencia desenvolta por Dano Cerebral Galicia é especialmente relevante nun contexto no que a Administración pública aínda non é capaz de garantir o acceso á asistencia persoal.
Esta aparece recollida como dereito no artigo 19 da Convención sobre os Dereitos de Persoas con Discapacidade da ONU e na Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, que a inclúe dentro dos servizos e prestacións aos que teñen dereito das persoas en situación de dependencia.
Por tanto, trátase dun recurso que pode ser costeado de forma pública a través das prestacións concedidas en materia de dependencia, sempre que se cumpran os requisitos establecidos. Porén, o escaso número de prestacións concedidas e de persoas beneficiarias do servizo de asistencia persoal revela o gran descoñecemento e a falta de promoción do recurso por parte do Estado. Segundo datos do sistema para a autonomía e atención á dependencia do IMSERSO de xullo de 2024, en Galicia só 134 das 97.644 prestacións concedidas (o 0,14% do total) corresponden a asistencia persoal.
O Proxecto Rumbo, unha ambiciosa iniciativa
O ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ é unha iniciativa colaborativa desenvolta entre 2024 e 2024 por distintas confederacións do terceiro sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, Impulsa Igualdad, Daño Cerebral Estatal e AUTISMO ESPAÑA). O seu propósito foi impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e a vida independente de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
A iniciativa, que contou coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas, financiouse polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos Next Generation da Unión Europea.