- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Leticia Vila asume a dirección da Federación relevando no cargo a Begoña Hermida, quen estivo sete anos á fronte.
Dano Cerebral Galicia inicia un novo ciclo trala renovación da estrutura organizativa do equipo técnico. Desde o mes de agosto, Leticia Vila Posada, até entón técnica de formación e responsable de calidade da Federación, exerce as funcións de directora.
A mudanza prodúcese trala decisión de Begoña Hermida Val, quen dirixiu a entidade coa máxima implicación, rigor e profesionalidade desde 2018, de deixar o posto para iniciar unha nova etapa profesional. En xullo, a proposta de Hermida e co apoio do equipo profesional, Vila foi nomeada como nova responsable da entidade pola Xunta Directiva de Dano Cerebral Galicia, quen está convencida da súa capacidade para dar continuidade ao bo facer, entrega e compromiso cos dereitos das personas con dano cerebral adquirido da súa antecesora.
Graduada en Psicoloxía e Máster de Profesorado de Educación Secundaria e Menores en Situación de Risco e Desprotección Social, Vila conta cunha traxectoria profesional íntimamente ligada ao terceiro sector, á defensa dos dereitos das persoas en situación de risco e exclusión social, á formación, ás novas tecnoloxías e á xestión de proxectos. Desde a súa incorporación a Dano Cerebral Galicia en 2021, impulsou a área de formación até convertela nunha das liñas de acción mellor valoradas socialmente e con máis potencial de crecemento.
Orgullosa e ilusionada co reto de capitanear a entidade, a xa nova directora agradece a confianza que lle outorgou o movemento asociativo e loa o legado recibido como o mellor exemplo para a nova andaina. "A Federación é, a día de hoxe e grazas ao gran traballo realizado pola súa anterior directora e polo seu equipo de profesionais, unha organización consolidada, cohesionada e referente no eido do dano cerebral adquirido. Dou grazas por ese gran equipo que me vai acompañar, ao que lle teño unha estima e unha admiración indiscutible, e que vai a facer que a Federación siga crecendo e loitando pola mellora da atención ás persoas e familias con dano cerebral", subliña.
Reestruturación do equipo técnico
Ante o crecemento do cadro de persoal e a diversificación dos programas executados pola federación, a Xunta Directiva tamén aprobou cambios de postos e a creación de novas responsabilidades entre as profesionais do equipo, conformado actualmente por 10 traballadoras e traballadores. Co fin de garantir a viabilidade e correcta execución dos distintos programas e actividades da Federación, o órgano de xestión e administración de Dano Cerebral Galicia, presidido por Luciano Fernández Pintor, acordou reestruturar dous postos de traballo existentes para dotalos de novas funcións.
Por unha banda, Carla Miranda Iglesias é a nova responsable de proxectos. O seu cometido consiste en coordinar os distintos eixos de actuación da Federación, así como o equipo técnico, conformado polos perfís profesionais de educación social, traballo social, logopedia, terapia ocupacional e técnica de formación. Ademais, Miranda compatibiliza esta responsabilidade coa que xa tiña como técnica de promoción de igualdade.
Por outro lado, Adolfo M. González Rodríguez engade as súas competencias a xestión do capital humano da entidade como responsable da área de xestión económica, administración e recursos humanos da Federación.
Finalmente, Noelia Rivadas López asume os postos de técnica de formación e de xestión de calidade.
O resto do equipo está conformado por Irene Cancelas Sánchez, responsable de comunicación; Sara Alonso Rodríguez, técnica de comunicación; Tania Losada Figueroa, educadora social; Natalia Regueiro Cerviño, técnica de xestión administrativa; e Inés Mosquera Costa e Alfonso Seijo Pérez, terapeutas ocupacionais.
Legado
Begoña Hermida Val incorporouse en 2018 á Federación, liderando unha fonda transformación da entidade. Durante a súa etapa no despacho de dirección, Dano Cerebral Galicia medrou de forma exponencial, tanto cualitativa como cuantitativamente, até converterse nunha entidade de referencia no terceiro sector de acción social. Baixo a súa batuta, a Federación reforzou a súa capacidade de incidencia social e interlocución política a través da configuración dun equipo profesional cohesionado; pluralizou os eidos de actuación, e fortaleceu o traballo en rede con múltiples institucións, entidades e organismos.
Tanto a Xunta Directiva como o equipo técnico da Federación, así como as asociacións federadas e as súas familias socias, agradecen a Hermida o seu inconmensurable e impecable labor e deséxanlle a mellor das sortes.