- Ámbito
- Galicia
- Data
O proxecto favoreceu a permanencia da poboación no territorio e promoveu a prestación de coidados ao noso colectivo.
Dano Cerebral Galicia vén de pechar o proxecto de 'Promoción de coidados e apoios que favorezan a permanencia na contorna rural das persoas e familias con dano cerebral adquirido', financiado grazas á convocatoria 'Solidarios Nacionales' do Grupo Tragsa.
A Federación conseguiu formar e informar a 255 persoas de 13 concellos rurais, clasificados polo Grupo Tragsa como 'Municipios en risco de despoboacion', ao longo de 20 sesións desenvolvidas entre febreiro e decembro de 2024.
O 98,5% das persoas asistentes ás diferentes iniciativas, centradas na promoción dos coidados especializados nas persoas con dano cerebral adquirido, amosou un elevado grao de satisfacción coas actividades. As temáticas centráronse no autocoidado, no apoio no fogar, na alimentación e nutrición da persoa con dano cerebral, ou na familiarización coas causas e consecuencias da nosa discapacidade, na liña de previr situacións de dependencia.
Concienciación con Fast Heroes e Os Bolechas
Dano Cerebral Galicia formulou un proxecto no que se identificaron catro tipos de público: as nenas e nenos, as mulleres coidadoras, o persoal dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e a poboación xeral.
Para o primeiro deses colectivos organizáronse 7 sesións en centros educativos de Portomarín, Boqueixón e Vedra. Co apoio dos personaxes de Fast Heroes e dos Bolechas, sensibilizouse a 49 nenas e nenos sobre as causas, identificación e prevención do dano cerebral.
Formación sobre apoio no fogar e autocoidados
Máis especializada na prestación de coidados para a fixación de poboación no rural foi a formación incluída no proxecto. Realizáronse dúas edicións do curso de 'Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido' (organizado en tres sesións) en Cerdido e Punxín, ás que asistiron 25 profesionais dos SAF, e cinco 'Obradoiros de autocoidados para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido'. Tiveron lugar en Taboada, Rodeiro, Val do Dubra, Rois e Meis, e contaron con 90 mulleres asistentes.
Accións de sensibilización
Os concellos de Boqueixón e Rodeiro asistiron á organización de dúas sesións informativas sobre 'Alimentación, nutrición e deglutición na abordaxe do dano cerebral adquirido', nas que participaron 32 mulleres. Recibiron nocións sobre a abordaxe a domicilio do dano cerebral, nesa área do coidado.
Ademais, e por último, programáronse catro sesións informativas centradas na concienciación sobre a nosa discapacidade, respondendo ás preguntas de que é o dano cerebral, cales son as súas causas, as principais secuelas, e onde atopar recursos de atención especializados. Asistiron 59 mulleres dos concellos das Neves, Carballeda de Avia, As Somozas e As Nogais.
Grazas ao apoio do Grupo Tragsa tamén se puideron reeditar diversos materiais informativos e de sensibilización destinados a seren empregados nas actividades, como o 'Caderno de autocoidados para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido' ou a banda deseñada 'Que sabemos do ictus'.
A fixación de poboación e o traslado de servizos e actividades a diferentes puntos do territorio afastados das zonas urbanas, nas que se implantan as asociacións federadas, é unha prioridade para Dano Cerebral Galicia. Formación, autocoidados, servizos sociosanitarios ou sensibilización son parte das liñas de traballo que a Federación ten presentes á hora de intentar descentralizar, unificando o obxectivo de desinstitucionalización e mantemento da poboación con dano cerebral na súa contorna, co de garantir, na medida do posible, a continuidade asistencial.