- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Subtitulada 'Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben', contén imaxes de Fuco Reyes das persoas participantes no noso Laboratorio Artístico e Creativo.
"Vou ata o límite, vou ata o final. Vou onde todas as cousas perdidas volven estar ben" sentencia Bob Dylan na súa canción I Contain Multitudes. Unha declaración que podía ter saído da boca de calquera persoa con dano cerebral adquirido unha vez transitado o dó e interiorizada a cronicidade das secuelas que compoñen a súa discapacidade. Estas son diferentes en intensidade, cantidade e tipoloxía, dependen da persoa e do lugar do cerebro no que o ictus ou o traumatismo cranioencefálico -por citar as principais causas- provocou a lesión.
Multitude de secuelas, multitude de persoas, multitude de sensacións de ida e volta, do antes e o despois desta discapacidade adquirida que o cambia todo para a persoa e para a súa familia e contorna social. O cantautor Nobel levaba na canción ao presente o poema de Walt Whitman. Este, co seu "Contradígome. Son grande, conteño multitudes", tamén parece retratar a experiencia dunha persoa con dano cerebral, que é a de antes, pero tamén é unha persoa nova tralo dano. Con contradicións, non novidades, con variedade, pero tamén a mesma, sempre.
Esta reflexión sobre o dó, sobre o cambio e sobre a readaptación foi a que sobrevoou cada un dos retratos de Fuco Reyes que compoñen a exposición 'Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben'. Dano Cerebral Galicia leva ao Museo Gaiás, na Cidade da Cultura, esta colección de imaxes, que se vai inaugurar o 22 de outubro ás once da mañá.
Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral Adquirido
O Laboratorio Artístico e Creativo é unha iniciativa de Dano Cerebral Galicia para ofrecer ás persoas con dano cerebral adquirido a posibilidade de formarse nunha disciplina artística, neste caso a fotografía, como actividade ocupacional destinada ao enriquecemento e crecemento persoal. O goce do tempo libre con actividades significativas, así como a aprendizaxe e formación, son estímulos positivos nun contexto rehabilitador ou de mantemento de capacidades; melloran a autoestima e polo tanto o prognóstico e ton xeral da persoa con dano cerebral adquirido.
En forma de obradoiro de fotografía impartido por Fuco Reyes, o Laboratorio levou na primavera de 2025 tres sesións a cada unha das cinco asociacións membro de Dano Cerebral Galicia. Contou cunha asistencia de 40 persoas con dano cerebral adquirido. Recibiron unha introdución á técnica fotográfica e reflexionaron sobre a expresión a través desta disciplina. No marco do diálogo sobre como transmitir a fractura do proxecto vital que implica a chegada do dano cerebral adquirido, xorden os retratos realizados polo docente e que compoñen un dos bloques da exposición 'Contemos multitudes'.
Os retratos contan, ademais, cun apoio en forma de testemuño manuscrito por cada unha das persoas fotografadas, nos que complementan a súa intención expresiva co posado.
O segundo bloque é o resultado do traballo de experimentación fotográfica realizado polas persoas con dano cerebral adquirido nos obradoiros ou como tarefa relacionada cos mesmos. De tipo máis artístico, centradas no relato biográfico ou como reflexión sobre as secuelas do dano cerebral, son 37 traballos cos que a persoa espectadora pode iniciarse na comprensión da fractura que implica a chegada dunha discapacidade que irrompe dun momento a outro.
No Museo Gaiás ata o 8 de decembro
Grazas á colaboración da Dirección Xeral de Cultura e da Fundación Cidade da Cultura, Dano Cerebral Galicia tivo a oportunidade de contar cun espazo expositivo de luxo no andar 0 do Museo Gaiás. A mostra vai estar aberta no horario habitual do centro, ata o día 8 de decembro.
O acto de inauguración vai ter lugar na mañá do mércores 22 de outubro, a partir das 11:00. Contará con representación institucional dos departamentos de Cultura e de Política Social (o Laboratorio desenvolveuse no marco dun proxecto financiado por esa consellería), da Fundación Cidade da Cultura (coa directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez) e de Dano Cerebral Galicia (co seu presidente, Luciano Fernández), e incluirá tamén as declaracións de Fuco Reyes, fotógrafo, e dunha das persoas con dano cerebral que expoñen na mostra. Ambos artistas realizarán tamén unha visita guiada para todas as persoas asistentes.
A exposición está comisariada por Fuco Reyes e Carla Miranda, conta co deseño gráfico de Xaime Fandiño e coa produción de Axeitos&Co. Colaboran tamén Alento, Dano Cerebral A Coruña, Dano Cerebral Lugo, Dano Cerebral Santiago de Compostela e DCA Ourense.