- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A distinción recoñece o ‘Estudio sobre la atención al daño cerebral en recursos residenciales no específicos gallegos'.
O xurado dos XV Premios SENDA outorgou ao ‘Estudio sobre la atención al daño cerebral en recursos residenciales no específicos gallegos’ de Dano Cerebral Galicia o Premio VITALIA-SENDA de Investigación e Innovación na categoría de Atención Sociosanitaria.
Estes galardóns teñen como fin recoñecer o labor de profesionais, empresas e institucións que se esforzan por mellorar a calidade de vida das persoas maiores e/ou en situación de dependencia, así como fomentar a autonomía persoal e o envellecemento activo. No caso do premio concedido a Dano Cerebral Galicia, convocado por primeira vez este 2024 froito da colaboración entre o Grupo SENDA e Vitalia, a finalidade é recoñecer a aposta por "investigar e innovar en materia de tratamento terapéutico", xerando beneficios tanto nas persoas usuarias como no traballo das profesionais que as acompañan.
Nese senso, a investigación da Federación, realizada no marco do Proxecto Rumbo e publicada en novembro de 2023, ofrece a primeira radiografía cualitativa e cuantitativa sobre a presenza en Galicia do dano cerebral en residencias non específicas desta discapacidade, atendendo ás características, distribución e recursos de apoio e atención dispoñibles nelas.
A entrega do Premio realizarase o 28 de novembro no CaixaForum de Madrid nun acto ao que acudirán o presidente da Federación, Luciano Fernández Pintor, e a responsable de Proxectos, Carla Miranda Iglesias. Estes galardóns contan co patrocinio de Asispa, Eulen Sociosanitarios, Essence Smartcare, Laboratorios Indas, Macrosad, Metrodora, Sermade, Vitalia e coa colaboración de Amavir, CaixaForum Madrid, Cámara de Madrid, Ilunion VidaSénior e Sanitas Mayores.
O estudo distinguido, pioneiro en Galicia
O punto de partida da investigación foi a necesidade de dispoñer de información que permita establecer actuacións orientadas a resolver a insuficiencia de solucións habitacionais específicas para persoas con discapacidade por dano cerebral, xa que estas son derivadas e institucionalizadas en residencias que non contan cos servizos nin prestacións adecuadas ás súas necesidades de atención, acompañamento e rehabilitación.
A pesar de que esta é unha realidade coñecida e difundida no sector, até a realización deste estudo non existían datos obxectivos da prevalencia real de dano cerebral nos centros residenciais do noso país, tanto pola dificultade de obter información por parte da Administración autonómica como pola complexidade de lograr a colaboración no diagnóstico das residencias, na súa maioría de titularidade privada.
Por este motivo, a análise sobre a atención prestada ás persoas con dano cerebral que habitan nas residencias non especializadas nesta discapacidade concretouse en catro metas secundarias:
- Estimar a prevalencia e a distribución do dano cerebral adquirido nos centros residenciais.
- Identificar as características das persoas con dano cerebral adquirido que habitan en centros residenciais non específicos.
- Definir os servizos de apoio e atención dispoñibles para as persoas con dano cerebral adquirido nos centros residenciais non específicos.
- Coñecer o interese dos centros residenciais en recibir información e participar en futuras validacións e formacións relacionadas co estudo.
Os resultados da investigación, froito de máis dun ano de traballo revelaron, entre outros datos, que o 89% das residencias con usuarias con dano cerebral están especializadas en persoas maiores e, por tanto, non contan nin cos servizos nin coas prestacións adecuadas ás necesidades de apoio e acompañamento das persoas con esta discapacidade. Nese senso, é destacable que, malia que o 75% dos centros con residentes con dano cerebral contan con servizos de rehabilitación, o perfil profesional máis habitual é o da fisioterapia, o que reflicte a sobredimensión da envergadura das secuelas físicas e motoras sobre o resto de tipoloxías, invisibilizadas e desantendidas.
Ademais de poñer cifras e adxectivos a unha realidade apenas analizada até entón, o estudo permitiu dotar de maior especialización aos recursos existentes, xa que a partir da información obtida a Federación elaborou a 'Guía de Actuación. Apoio a persoas con dano cerebral adquirido en entornos residenciais non especializados para a promoción da súa autonomía e vida independente'. Posteriormente, a partir dos seus contidos, púxose en marcha unha acción formativa presencial destinada ao cadro de persoal dos centros residenciais co obxectivo de proporcionar pautas de actuación que guíen a atención e o apoio ás persoas con dano cerebral que residen en centros non específicos desta discapacidade.
O documento completo do Estudo está accesible para lectura e descarga no apartado de Investigación e no repositorio de publicacións da nosa páxina web.