- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Dano Cerebral Galicia e a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) traballan na definición de áreas de traballo conxunto co obxectivo de sumar esforzos e realizar accións técnicas coordinadas orientadas a intercambiar coñecemento, realizar formacións especializadas e mellorar a calidade asistencial no ámbito da atención sociosanitaria a persoas con discapacidade por dano cerebral adquirido.
Nunha xuntanza, celebrada o 16 de xullo na sede da Federación para facilitar o coñecemento mutuo, representante de ambas entidades compartiron as liñas estratéxicas organizacionais e identificaron temas de interese e fins comúns.
A AGEFEC, que no mes de xuño renovou a súa Xunta Directiva, expresou a través da súa presidenta, Belén González Martínez, e de Adrián Vences e Damián Rodríguez, vogais de Grupos de Traballo e Formación Continuada, respectivamente, a vontade de apoiar, como organización científico-profesional, a implantación efectiva do Proceso Asistencial Integrado de Dano Cerebral Adquirido en todas as áreas sanitarias.
Igualmente, desde a entidade amosaron a súa disposición para facilitar información sobre o labor da Federación e da cinco asociacións federadas a súa base social e expresaron o seu interese en que esta poida recibir capacitación especializada sobre dano cerebral adquirido.
Nese senso, o presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández Pintor, e o equipo técnico da Federación, representado pola directora, Begoña Hermida Val, e a técnica de formación, Leticia Vila Posada, comprometéronse a elaborar unha oferta formativa específica, orientada a profesionais de enfermaría do servizo de atención primaria, con contidos consensuados e supervisados pola AGEFEC.
Igualmente, ambas entidades sinalaron o interese en colaborar na elaboración de materiais divulgativos sobre a atención ao dano cerebral adquirido desde a perspectiva da enfermaría comunitaria, así como en actividades e xornadas de formación, sensibilización e divulgación de coñecemento que se poñan en marcha dende algunha das partes implicadas.
Para fixar un marco estable aos acordos alcanzados, estas e outras liñas de acción conxuntas serán plasmadas nos próximos días nun convenio de colaboración.