- Ámbito
- Galicia
- Data
Realizamos un pequeno resumo dun ano no que celebramos os 25 anos do movemento asociativo en Galicia e consolidamos a marca común.
Dano Cerebral Galicia quere desexar ás súas asociacións, administracións, entidades colaboradoras, e á sociedade en xeral, unhas boas festas e un feliz e saudable 2026.
Ademais, queremos compartir convosco un pequeno balance dun ano cheo de actividade, reivindicación, concienciación e dereitos para as persoas e familias con dano cerebral adquirido.
A nivel corporativo...
O 2025 foi un ano de consolidación e de celebración para todo o movemento asociativo do dano cerebral adquirido. Fixéronse 30 anos da fundación de FEDACE, a Federación que hoxe coñecemos como Daño Cerebral Estatal, e 25 da implantación do tecido asociativo en Galicia coa creación e Alento, Dano Cerebral A Coruña ADACECO e Dano Cerebral Santiago de Compostela.
Pola nosa banda, a Federación estreou o seu Plan Estratéxico 2025-2028, cun bo nivel de implantación atendendo á súa primeira avaliación intermedia, e consolidou o cambio e incorporación á marca común do movemento asociativo cunha renovación estatutaria que oficializa 'Dano Cerebral Galicia' como denominación divulgativa e marca da entidade.
Incidencia política e cambios no marco lexislativo e de dereitos
Ao longo do ano mantivemos a presenza nos foros comúns -dano cerebral, discapacidade, pobreza e risco de exclusión- e o contacto estreito coas principais administracións coas que se relaciona o noso colectivo, visitamos o Parlamento Europeo cunha delegación de Daño Cerebral Estatal, mantivémonos alerta con respecto á implantación da proba piloto do Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral Adquirido na área sanitaria da Coruña e aledámonos a posta en marcha dunha nova unidade de ictus en Ourense.
Saudamos o proxecto de Lei que refunde os textos normativos de Discapacidade e Dependencia a nivel estatal, compracémonos da eliminación do despido automático por incapacidade permanente, e pasamos a formar parte activa desde a súa fundación do Foro de Discapacidade de Galicia da Fundación Aequitas.
Actividades, celebracións, servizos
Acompañamos durante todo o ano a celebración das tres asociacións decanas co lema "25 Anos Polo Dano Cerebral", que presidiu dúas das principais actividades organizadas pola Federación: a 4ª Carreira e Andaina Solidaria -que este ano tivo lugar en Vigo- e a Xuntanza do movemento asociativo -na que se reuniron máis de 200 persoas para reflexionar sobre estes primeiros cinco lustros de unidade-.
Durante a Xuntanza entregamos o 13º Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco a Renfe Viajeros.
Puxemos en marcha un xa exitoso novo servizo, de 'Asesoramento e préstamo de produtos de apoio', demos continuidade ás iniciativas de ocio inclusivo e accesible con asesoramentos, charlas ou detección de barreiras (colaborando con entidades como Chévere, o cinema Numax ou o Museo de Belas Artes da Coruña), e mantivemos un consolidado Servizo de Asesoramento xurídico.
Estreamos unha iniciativa para as persoas usuarias das nosas asociacións: o Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral Adquirido. Este deu como froito unha fermosa e ilustrativa exposición fotográfica que se puido ver durante case dous meses no Museo Gaiás da Cidade da Cultura: 'Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido: onde as cousas perdidas volven estar ben'.
Divulgación do coñecemento a través de publicacións, sensibilización e formación
E no ámbito da sensibilización e da formación, chegamos a centos de persoas e ducias de colectivos, asociacións e centros educativos con temáticas como a aproximación ao dano cerebral -para persoas adultas, para crianzas a través de obradoiros en escolas ou para equipos de traballo de diferentes empresas-, autocoidados, sexualidade, técnica culinaria para a adaptación de alimentos, nutrición ou apoio a persoas coa nosa discapacidade en residencias. Mención especial á posta en marcha da nosa primeira acción formativa arredor da Asistencia persoal, á aproximación á investigación realizada no Encontro de Profesionais e ao desenvolvemento das devanditas accións en formatos presencial e online na escoladanocerebralgalicia.org.
Na liña da formación e da divulgación de coñecemento, realizáronse dúas publicacións de interese que tamén se poden consultar online: 'Apoyo a personas con daño cerebral adquirido en entornos residenciales no especializados para la promoción de su autonomía y vida independiente. Guía de actuación', o 'Caderno de autocoidado para coidadoras de persoas con dano cerebral', e dúas que se detallan a seguir.
Entre as múltiples colaboracións salienta unha que deu no ano e vai continuar a dar grandes froitos a nivel de promoción da saúde e prevención da principal causa do dano cerebral adquirido, o ictus: a alianza coa Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC). Con esta entidade elaboramos a 'Axenda da prevención do ictus' e o folleto 'Cóidate. Desmontando mitos para a prevención do ictus'. Estes materiais presentáronse nunha Xornada de Prevención do Ictus que se organizou conxuntamente no Día Mundial da doenza, e amosáronse nos 'Recunchos cerebrosaudables' que levamos a tres centros de saúde en decembro.