- Ámbito
- Galicia
- Data
O 2024 culmina cargado de avances e novos proxectos, encabezados polo cambio de marca do conxunto do tecido asociativo.
Remata un ano cargado de novidades para as persoas con dano cerebral adquirido e para o noso tecido asociativo. Un ano de avances e logros que tamén definen os nosos novos retos:
- Culminamos o proceso de dotarnos dunha marca común para todo o movemento asociativo a nivel estatal, autonómico e local: agora somos Dano Cerebral Galicia. Tamén as nosas entidades federadas están en proceso e xa se incorporaron á recén estreada etiqueta Dano Cerebral Lugo, Dano Cerebral A Coruña ADACECO e Dano Cerebral Santiago de Compostela. Un novo nome para facilitar a nosa identificación, tanto como colectivo como coa nosa discapacidade. Unha marca que visibiliza o dano cerebral adquirido. Un paso máis pola unión para seguir defendendo os dereitos das persoas e familias con dano cerebral adquirido.
- Finalizamos o trienio dedicado ao Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva. Unha oportunidade chegada grazas aos fondos Next Generation que nos permitiu, en alianza, a nivel estatal, con outras catro discapacidades, despregar toda unha serie de novas liñas de traballo destinadas á promoción da vida independente e á desinstitucionalización: servizos sociosanitarios de proximidade, asistencia persoal e servizos de apoio comunitario para a participación e a promoción da cidadanía activa.
- O Sergas publicou, presentou e iniciou a posta en marcha do Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral Adquirido. Un documento que constitúe unha nova estratexia de atención dirixida ás fases aguda e subaguda do dano cerebral e pretende garantir a coordinación e continuidade asistencial. Dano Cerebral Galicia estivo implicada en todo momento no grupo de traballo multidisciplinar que sentou as bases do documento e segue con moita atención e con total vontade de colaboración a súa implantación.
- Completamos un ano cheo de actividades como as que vedes na nosa árbore, aínda que foron moitas máis: a 2ª Travesía a Nado Polo Dano Cerebral, a Carreira e Andaina Solidaria, a Xornada sobre o Dano Cerebral e entrega do 12º Premio Dano Cerebral Galicia - Miguel Blanco ao CPAP Bergondo, as accións de formación, información, sensibilización e concienciación, o servizo de Asesoría Xurídica, ou as xuntanzas coa Valedora do Pobo para presentar as nosas demandas e necesidades como colectivo, nas que a Rede de Cidadanía Activa de Persoas con Dano Cerebral tivo un rol fundamental.
Queremos compartir convosco a nosa ledicia polos pasos dados, e desexarvos, neste outono que remata, que pasedes unhas boas festas e que teñades un feliz e saudable 2025, cargado de prevención, dereitos e inclusión para as persoas e familias con dano cerebral adquirido.
Deixámosvos, por último, na compaña de Historia(s) do dano cerebral adquirido: un percorrido histórico pola abordaxe da nosa discapacidade desde hai séculos ata os nosos días, no que se evidencia a aceleración a nivel de conquistas desde a promulgación da Convención de Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas, así como do despregamento do tecido asociativo do dano cerebral: a unión das familias, os primeiros centros e servizos, a creación da Federación, a consolidación de dereitos a nivel lexislativo...
Agardamos que vos guste... e seguir escribindo xuntos/as moitos novos capítulos!