- Ámbito
- Galicia
- Data
A prevención non para no verán: cómpre manter uns hábitos saudables, aproveitar para eliminar o estrés e non esquecer os consellos de seguridade viaria.
Dano Cerebral Galicia inicia mañá un parón vacacional que manterá a Federación pechada do 1 ao 24 de agosto. O luns 25 estaremos xa traballando a pleno rendemento para continuar defendendo os dereitos das persoas e familias con dano cerebral adquirido.
Algunhas das nosas asociacións pechan tamén algúns días de descanso. Dano Cerebral A Coruña ADACECO non atenderá do 8 ao 29 de agosto, ambos incluídos. Dano Cerebral Lugo tamén pecha desde o 4 ata o 24 do mesmo mes. O resto manteñen o horario de apertura aínda que coas adaptacións necesarias de horarios e servizos para garantir o descanso tanto dos equipos profesionais como das persoas usuarias.
Sen descanso para a prevención
Aínda que o verán en xeral e agosto en particular sexan momentos de descanso, a prevención do dano cerebral nunca debe ir de vacacións.
Ictus
O 90% dos casos de ictus pódese evitar cuns hábitos saudables. Debemos aproveitar a relaxación vacacional para estendelos, non para esquecelos, atendendo a recomendacións como as seguintes:
- Alimentación equilibrada: Os cambios de hábitos alimentarios no verán deberán tender a aproveitar para preparar moitas ensaladas e complementalas con froita fresca. Comidas lixeiras e preparacións libres de graxas axudan a que a dieta sexa equilibrada, tamén no verán.
- Hidratación: Especial atención á inxestión de auga, especialmente nos momentos de máis calor. Cómpre beber mesmo sen sede e evitar o alcol e a cafeína. Atención ao mantemento da hidratación das persoas con dificultades de deglutición e/ou de comunicación.
- Exercicio: É un estupendo momento para a práctica de deportes acuáticos ou para paseos e outras actividades ao aire libre. Fundamental non facelo nas horas centrais do día, atender as alertas sanitarias por calor e protexerse do sol con crema e roupa frouxa, clara e de tecidos naturais. No caso de practicar ciclismo, nunca esquecer o casco.
- Evitar tóxicos: No verán tende a aumentar o consumo de alcol e de tabaco. Cómpre evitalos coma sempre, así como o resto de drogas.
- Estrés: Aproveitar o verán para desconectar e descansar; non impoñerse grandes plans, senón gozar do tempo libre e das actividades pracenteiras coa maior marxe horaria que proporcionan as vacacións.
- Cerebro activo: As vacacións son un estupendo momento para a ximnasia cerebral. Viaxar, pasear, ler... son actividades para as que teremos máis tempo e que axudan a coidar o noso cerebro e mantelo forte e activo.
Accidentes de coche
O verán e as vacacións son época de desprazamentos, tamén en coche. Cómpre extremar as recomendacións de seguridade viaria para evitar accidentes de tráfico, que son a segunda causa do dano cerebral.
A Dirección Xeral de Tráfico, entidade de referencia en seguridade viaria e onde se debe recorrer para consultar o estado da circulación e demais cuestións de actualidade directa, recomenda:
- Evitar conducir nas horas de máis calor do día.
- Respectar os tempos de descanso: 20 minutos cada dúas horas.
- Beber auga ou zumes con frecuencia.
- Non tomar comidas moi abundantes antes de conducir.
- Empregar roupa lixeira e cómoda, e gafas de sol.
- Aparcar o coche á sombra e lavalo con frecuencia; tamén ventilalo antes de entrar.
- Planificar a ruta con antelación e observar alternativas no caso de conxestión.
- Garantir un bo sono e descanso antes de coller o coche.
- E, sobre todo: ter moita paciencia e respecto.
É recomendable tamén revisar o coche antes de saír e colocar correctamente a equipaxe. No caso de vehículos de dúas rodas, non esquecer o casco e demais proteccións.
Outros traumatismos
Os accidentes no deporte -especialmente nas actividades acuáticas-, caídas e outros golpes tamén son causa de traumatismos cranioencefálicos que poden provocar dano cerebral adquirido.
Recoméndase:
- Adoptar as medidas de seguridade aconselladas para a práctica de cada deporte en cuestión: casco, proteccións, e sempre xogo limpo.
- Evitar o consumo de alcol e/ou drogas.
- Evitar lanzarse de cabeza á auga sen comprobar a profundidade.
- Evitar mergullarse desde alturas moi elevadas ou zonas onde pode haber pólas, rochas ou outras persoas.
- Atender ás recomendacións do persoal de seguridade en praias e piscinas e sempre obedecer os códigos de cores para o baño.
- Seguir todos os consellos sanitarios para a prevención dos golpes de calor, que tamén poden causar caídas.