- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
O Consello de Ministros aprobou esta semana a Oferta de Emprego Público (OPE) de 2024 cunha reserva para persoas con discapacidade do 10% das 40.121 prazas convocadas para os distintos departamentos da Administración Xeral do Estado, Policía Nacional, Garda Civil e Forzas Armadas. En concreto, son 3.147 prazas, das que 629 están destinadas a persoas con discapacidade intelectual.

Trátase da primeira convocatoria na que se aplica o novo cupo, anteriormente fixado no 7% e cuxo incremento aprobou o Congreso en decembro de 2023 tras anos de reivindicación e traballo a prol da igualdade de oportunidades por parte do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI).
Desde Dano Cerebral Galicia celebramos este importante avance na inclusión das persoas con discapacidade na función pública, pero lembramos a necesidade de que se continúen a dar pasos que garantan a igualdade real de dereitos na realización dos procesos selectivos de acceso ao emprego neste sector.
No caso das persoas con dano cerebral adquirido, existe unha desigualdade de partida respecto a outras persoas con discapacidade. Actualmente, aspirantes a un posto público que poden ter secuelas cognitivas que afectan a habilidades fundamentais para un proceso de oposición, como a capacidade de concentración ou a memoria, compiten con persoas con discapacidade física, que non teñen as mesmas dificultades. Por este motivo, desde a Federación demandamos a creación dunha cota específica de ‘discapacidade cognitiva’ nas ofertas de emprego público. Deste xeito, poderían reservarse prazas para persoas con dano cerebral adquirido que posúan un certificado de discapacidade no que se reflictan secuelas cognitivas e/ou intelectuais.
Ademais, para que o incremento da cota aprobado sexa efectivo é preciso tomar medidas complementarias que promovan, protexan e faciliten o acceso das persoas con discapacidade ao emprego público. Segundo datos do CERMI, na última OPE só se cubriron o 56% das prazas reservadas para este colectivo. Nese senso, compartimos a proposta da plataforma para que se aprobe unha nova regulación regulamentaria do acceso ao emprego público de persoas con discapacidade que substitúa a actual, de 2004 e xa anticuada. Igualmente, sumámonos á demanda da plataforma para que os ministerios de Función Pública e Dereitos Sociais aproben canto antes a orde ministerial de medios e tempos que foi negociada co sector social da discapacidade.
Carencias no Servizo Público de Emprego
Malia os avances que se produciron nas últimas décadas, as políticas públicas de emprego dirixidas as persoas con dano cerebral adquirido continúan a ter unha ampla marxe de mellora. As persoas con discapacidade, en xeral, e con dano cerebral, en particular, precisan dunha orientación laboral especializada que non están a recibir no Servizo Público de Emprego. O descoñecemento sobre a especificidade das secuelas do dano cerebral, e especialmente daquelas que chamamos ‘invisibles’ (as emocionais, condutuais e cognitivas), xunto coa derivación rutineira a recursos de orientación laboral que non teñen especialización nesta lesión, impiden que as persoas que presentan esta discapacidade reciben unha adecuada atención.
Para solventar estas eivas, desde a Federación propoñemos tres grandes medidas:
- A dotación de maior apoio e competencias ás entidades sociais non lucrativas do sector da discapacidade para que se convertan en colaboradoras estables e profesionalizadas do sistema autonómico de emprego.
- A activación de itinerarios personalizados de inserción laboral, que comprendan orientación, acompañamento, formación e contratos de traballo a dirixidos a persoas desempregadas con discapacidade, en xeral, e con dano cerebral adquirido, en particular.
- A capacitación e cualificación do cadro de profesionais do Servizo Público de Emprego e dos servizos sociais a través de formacións en materia de sensibilización e formación respecto das capacidades e aptitudes que presentan as persoas con discapacidade e a adaptación dos postos de traballo, así como sobre igualdade de oportunidades.