- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Búscase unha persoa para a área de educación social, outra para a de traballo social e dúas para prestar o servizo de asistencia persoal.
A Federación Galega de Dano Cerebral abre o proceso de selección de persoal para cubrir catro postos de emprego temporal. Trátanse de contratos de 12 meses de duración, vencellados á subvención para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito da colaboración coas entidade sen ánimo de lucro da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
O período de contratación estimado está comprendido entre o 10/12/2024 e 09/12/2025 e está condicionado á concesión da citada subvención. Ofrécense condicións salariais segundo o Convenio Colectivo de Centros de Atención a Persoas con Discapacidade e unha xornada laboral correspondente ao 75% da xornada fixada no citado convenio.
O horario de traballo é de luns a venres de 8:30h a 14:30h (con flexibilidade na entrada e saída por medidas de conciliación persoal así como con flexibilidade para, puntualmente, cambiar xornada laboral en horario de tarde, en función de horarios de actividades). O centro de traballo é a sede de Dano Cerebral Galicia, con saídas dentro do ámbito da comunidade autónoma de Galicia en función do posto.
A continuación, detállanse as características e requisitos de selección de cada unha das ofertas.
Asistente persoal
Requisitos
- Titulación en TCAE, TAPSD ou similares.
- Especialización no ámbito da discapacidade, prioritariamente dano cerebral ou discapacidade intelectual e cognitiva, en xeral. Desexable formación en Asistencia Persoal e coñecemento das funcións desta figura.
- Desexable experiencia previa demostrable, mínimo de 1 ano en posto similar, desenvolvendo funcións propias da asistencia social en entidades sociais de atención á discapacidade, dependencia, ou de índole sociosanitario
- Imprescindible dispoñibilidade de mobilidade xeográfica na comunidade autónoma de Galicia.
- Imprescindible ter carné de conducir e vehículo propio.
Funcións
- Participar e coordinar o deseño, execución, seguimento e xustificación do proxecto de asistencia persoal facilitando os apoios necesarios e creando condicións favorables para que as persoas con dano cerebral adquirido leven unha vida independente baseada na máxima autonomía e na súa capacidade de autodeterminación.
- Integrarse nun equipo multidisciplinar conformado por profesionais do traballo social, psicoloxía-formación, educación social, terapia ocupacional, logopedia, comunicación, administración-xestión económica e dirección.
Ámbito de traballo
Comunidade Autónoma de Galicia, con saídas frecuentes para a execución das actividades que lle son propias así como para coordinación coas asociacións federadas, outros/as colaboradores/as, ou a outros lugares onde se desenvolvan actividades que requiran da súa presenza e coordinación.
Educador/a social
Requisitos
- Titulación universitaria en Educación Social.
- Especialización no ámbito da discapacidade, prioritariamente no dano cerebral ou discapacidade intelectual e cognitiva, en xeral. Desexable formación de posgrao en discapacidade intelectual e/ou cognitiva, dependencia, políticas de intervencións social e comunitaria,...
- Desexable experiencia previa demostrable, mínimo de 1 ano en posto similar, desenvolvendo funcións propias do traballo social en entidades sociais de atención á discapacidade, dependencia, ou de índole sociosanitario.
- Valorable experiencia previa en planificación, execución, seguimento e avaliación técnica de proxectos sociais.
- Imprescindible dispoñibilidade de mobilidade xeográfica na comunidade autónoma de Galicia.
- Imprescindible ter carné de conducir e vehículo propio.
Funcións
- Participar e coordinar o deseño, execución, seguimento e xustificación de proxectos, programas e intervencións do ámbito da educación social, orientados a promover e acadar a máxima autonomía persoal, determinación social, e independencia das persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.
- Participar e coordinar, cando sexa pertinente, na planificación e desenvolvemento de accións de sensibilización, información, visibilización e concienciación da sociedade sobre o dano cerebral adquirido.
- Integrarse nun equipo multidisplinar conformado por profesionais do traballo social, formación, terapia ocupacional, logopedia, comunicación, administración-xestión económica e dirección.
Ámbito de traballo
Comunidade Autónoma de Galicia, con saídas frecuentes para a execución das actividades que lle son propias (organización e execución de accións de información, sensibilización e formación sobre temáticas relacionadas co dano cerebral adquirido, ocio e deporte inclusivo, capacitación e información en diferentes áreas de persoas e familias con dano cerebral e poboación xeral, accións de promoción da cidadanía activa, de integración sociocomunitaria, programas de autonomía persoal e socioeducativos, asesoramento e acompañamento do proceso formativo, orientación laboral etc.) así como para coordinación con as asociacións federadas, outros/as colaboradores/as, ou a outros lugares onde se desenvolvan actividades que requiran da súa presenza e coordinación.
Traballador/a social
Requisitos
- Titulación universitaria en Traballo Social.
- Especialización no ámbito da discapacidade, prioritariamente dano cerebral ou discapacidade intelectual e cognitiva, en xeral. Desexable formación de posgrao en discapacidade intelectual e/ou cognitiva, dependencia, políticas de intervención social e comunitaria...
- Desexable experiencia previa demostrable, mínimo de 1 ano en posto similar, desenvolvendo funcións propias do traballo social en entidades sociais de atención á discapacidade, dependencia, ou de índole sociosanitario.
- Valorable experiencia previa en planificación, execución, seguimento e avaliación técnica de proxectos sociais.
- Imprescindible dispoñibilidade de mobilidade xeográfica na comunidade autónoma de Galicia.
- Imprescindible ter carné de conducir e vehículo propio.
Funcións
- Participar e coordinar o deseño, execución, seguimento e xustificación de proxectos, programas e intervencións do ámbito do traballo social, orientados a promover e acadar a máxima autonomía persoal, determinación social, e independencia das persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.
- Participar e coordinar, cando sexa pertinente, na planificación e desenvolvemento de accións de sensibilización, información, visibilización e concienciación da sociedade sobre o dano cerebral adquirido.
- Integrarse nun equipo multidisplinar conformado por profesionais do traballo social, formación, terapia ocupacional, logopedia, comunicación, administración-xestión económica e dirección.
Ámbito de traballo
Comunidade Autónoma de Galicia, con saídas frecuentes para a execución das actividades que lle son propias (organización e execución de accións de información, sensibilización e formación sobre temáticas relacionadas co dano cerebral adquirido, ocio e deporte inclusivo, capacitación e información en diferentes áreas de persoas e familias con dano cerebral e poboación xeral, accións de promoción da cidadanía activa, de integración sociocomunitaria, programas de autonomía persoal e socioeducativos, asesoramento e acompañamento do proceso formativo, orientación laboral etc.) así como para coordinación con as asociacións federadas, outros/as colaboradores/as, ou a outros lugares onde se desenvolvan actividades que requiran da súa presenza e coordinación.
Condicións para a presentación de solicitudes
As persoas interesadas nalgunha das ofertas debe presentar a súa candidatura a través da seguinte ligazón: https://fegadace.epreselec.com/Ofertas/Ofertas.aspx
Non se terán en conta solicitudes presentadas fóra desta plataforma nin aqueles perfís que non se axusten ao solicitado. É requisito imprescindible para a contratación que as persoas candidatas:
- Estean desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas, así como dispoñibles para o emprego.
- Non foran contratadas, en calquera entidade, por un período igual ou superior a cento oitenta días (seis meses), con cargo ás axudas concedidas polas ordes da Consellería de Emprego e Igualdade (actual Consellería de Emprego Comercio e Emigración) do 3 de agosto de 2021 (DOG nº 159, do 19 de agosto: TR352A 2021), do 12 de xullo de 2022 (DOG nº 139, do 21 de xullo: TR352A 2022) e a Orde do 31 de xullo de 2023 (DOG nº 152, do 10 de agosto: TR352A 2023).
Dano Cerebral Galicia promove e cre na igualdade e a non discriminación entre mulleres e homes. Traballamos co firme compromiso e convicción coa igualdade de oportunidades, a inclusión e o respecto pola diversidade. Non se toleran actitudes machistas, discriminatorias nin de acoso sexual ou por razón de sexo, nin identidade de xénero.Non se aplican nesgos negativos para as persoas candidatas por cuestións de sexo, xénero, estado civil ou cuestións persoais vencelladas ao sexo ou xénero. Incentívase a presentación de candidaturas que omitan datos de identificación persoal (nome, fotografía, enderezo electrónico, ..) e que fagan constar unicamente un teléfono de contacto, de tal forma que non serán coñecidos os datos identificativos durante o proceso de preselección.
As entrevistas realizaranse a partir do 18 de novembro de 2024.