- Ámbito
- Online
- Data
A directora, Leticia Vila, e o presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández, interveñen nunha mesa de boas prácticas.
'Deseño de apoios personalizados no envellecemento activo de persoas con dano cerebral adquirido' é o título completo do obradoiro online que organiza Daño Cerebral Estatal o 27 de marzo. Está complementando polo subtítulo 'Xeración de boas prácticas e fortalecemento da atención sociosanitaria integral'.
O obradoiro é aberto e de balde, vai ter lugar de 11:00 a 14:30, e ofrece este formulario para tramitar a inscrición.
Esta cita formativa ten como obxectivo analizar o impacto específico do envellecemento nas persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias, co obxectivo de trazar estratexias coas que favorecer a calidade de vida, autonomía e participación desde un enfoque de dereitos.
Boas prácticas desde Galicia
Dano Cerebral Galicia ten un importante oco na mesa sobre 'Boas prácticas en envellecemento activo e dano cerebral adquirido. Experiencias e modelos de referencia', que comeza ás 13:30.
Por unha banda, a directora da Federación, Leticia Vila, vai debullar o noso 'Estudo sobre a atención ao dano cerebral en recursos residenciais non específicos galegos'. Pola outra, e a continuación, o presiente de Dano Cerebral Galicia e Dano Cerebral Santiago de Compostela, Luciano Fernández, falará en primeira persoa, como familiar, sobre 'Envellecemento e fillos con dano cerebral adquirido: e despois que?'.
Na mesma mesa falarase, tamén desde o movemento asociativo, de estratexias de participación comunitaria para persoas con dano cerebral en proceso de envellecemento, e da transformación do modelo de atención desde a fundación das asociacións especializadas.
Extenso programa formativo
Antes das boas prácticas, as persoas asistentes recibirán unha sesión formativa sobre o 'Marco normativo de protección ás persoas maiores con discapacidade' a cargo do presidente da Plataforma de Maiores e Pensionistas, Jesús Norberto Fernández Muñoz.
A seguir, unha mesa vai analizar a 'Situación actual das persoas con dano cerebral adquirido maiores de 65 anos e as súas familias', con intervencións do movemento asociativo e da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía.