- Ámbito
- Galicia
- Data
O sábado 26 conmemorouse o Día Nacional do Dano Cerebral, e mañá, 29 de outubro, lembramos a que é a súa principal causa, no 78% dos casos.
O programa de actividades esténdese ata novembro, cunha reunión coa Valedora do Pobo (luns 4) e coa Xornada sobre o Dano Cerebral (sábado 9).

Un cerebro nacido san pode verse afectado en calquera momento, a calquera idade, por un ictus. Isto implica unha hospitalización que tamén supón o inicio do tratamento rehabilitador, un servizo que se interrompe cando a persoa volve á casa. ‘Pola garantía efectiva da continuidade asistencial’ é o lema do manifesto publicado este ano polo tecido asociativo con motivo do Día Nacional do Dano Cerebral (26 de outubro). Para demandar que finalice a soidade e abandono no que se atopan as familias nas que acaba de introducirse o dano cerebral adquirido.
O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen máis de 35.000 persoas en Galicia. A súa principal característica, o feito de ser adquirida, produce un enorme impacto a nivel da persoa e tamén da familia, xerando un cambio de roles e unha terrible desorientación á hora de procurar recursos de atención. As persoas volven á casa con secuelas, moitas delas invisibles -outra das trazas que definen o dano cerebral adquirido-, e sen recursos de atención pautados.
O ictus é a principal causa do dano cerebral adquirido. Está detrás do 78% dos casos desta discapacidade. En Galicia prodúcense arredor de 7.000 novos casos de ictus cada ano. Aínda que o ictus non se pode evitar, si se pode previr -cunhas pautas que teñen que ver, sobre todo, con hábitos de vida saudables-, e tamén é moi importante saber identificar os seus síntomas de alarma para actuar canto antes se se produce. No ictus, o tempo é cerebro: canto antes se reciba tratamento hospitalario, menor número e gravidade de secuelas posteriores. Resumidos nos 3F, estes son os principais síntomas de alarma:
- Fala: dificultades para falar ou expresarse. Exemplo: non es capaz de dicir palabras simples.
- Forza: perda de forza nunha parte do corpo. Exemplo: ao ergueres os dous brazos, un deles cae por falta de forza.
- Faciana: parálise facial ou sensación de formigo. Exemplo: non amosas todos os dentes ao sorrir.
Dano Cerebral Galicia e as súas asociacións estenden o seu programa de conmemoracións ao 29 de outubro, Día Mundial do Ictus -así proclamado pola Organización Mundial da Saúde-, programando actos tamén esta e a vindeira semana.
Visibilización e información en Ourense
DCA Ourense expón na súa sede unha mostra titulada ‘Máis aló dos informes’, sobre as historias de vida das persoas usuarias. Pode visitarse ata o día 31 de outubro.
Ademais, esta tarde organizan dúas charlas de prevención do dano cerebral adquirido en Barbadás, e o xoves 7 de novembro unha nova sesión informativa no CIFP Portovello (Ourense).
Sensibilización na área sanitaria de Santiago
Dano Cerebral Santiago de Compostela organiza mañá, martes 29, ata sete mesas informativas no CHUS, no Hospital da Barbanza e nos Centros de Saúde de A Estrada, Arzúa, Lalín, Mazaricos e Rianxo. Participarán profesionais, persoas usuarias e familias, en horario de 10:00 a 13:00 (agás no CHUS, de 10:30 a 13:00).
Reunión coa Valedora do Pobo e Xornada sobre o Dano Cerebral
Dano Cerebral Galicia cedeu todo o espazo do Día do Dano Cerebral ás actividades do tecido asociativo e trasladou as súas actividades fóra das datas centrais de conmemoración, para poder tamén acompañar ás entidades nas súas propostas.
Así, o luns 4 de novembro unha representación da Rede de Cidadanía Activa de Persoas con Dano Cerebral, que promove Dano Cerebral Galicia, vaise reunir coa Valedora do Pobo para lle trasladar as súas demandas. Se as estratéxicas xa se lle trasladaran á alta comisionada en xuño, agora serán os membros da Rede, en primeira persoa, quen as relaten con datos concretos da súa experiencia diaria. Trala reunión realizarán unha comparecencia para os medios de comunicación, ás 11:30 na mesma sede da Valedora do Pobo. Interveñen Mª Dolores Fernández Galiño e un dos membros da Rede.
O acto central de Dano Cerebral Galicia vai ser a Xornada sobre o Dano Cerebral, na que, ademais, se vai entregar o 12º Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco ao Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo. A Xornada vaise dedicar a coñecer a historia da abordaxe da nosa discapacidade ‘Dende o asistencialismo ao pleno exercicio de dereitos’. Vai ter lugar o 9 de novembro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A inscrición está aberta aquí.
Ademais, Dano Cerebral Galicia colabora con Renfe cunha campaña de sensibilización que se pode ver nas principais estacións e nos trens do eixo atlántico ata o 3 de novembro, e está a desenvolver un ciclo de Cinefórum nos Espazos +60 de Afundación que finaliza o 31 de outubro.